DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Así é a ambientación creada por estudantes de Belas Artes para o Salón do Libro

Unha cidade nocturna e con lúa xigante para ver voando como nos soños

Alumnado de CC Sociais e da Comunicación está realizando o rexistro audiovisual do evento

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Esmeralda L. Castro DUVI 10/02/2010

Ano a ano o Salón do Libro Infantil e Xuvenil regala imaxinación no Pazo da Cultura. A temática desta edición parece motivar aos escolares, que espremeron a súa faceta creativa para amosarnos a súa visión da cidade, que quizais se debera ter máis en conta. Entre as múltiples propostas atopamos un valioso documento no que nenos e nenas explican que farían se fosen alcaldes ou alcaldesas: facer prazas máis grandes para xuntanzas, abrir supermercados onde todo fose gratis ou crear unha especie de alfombras máxicas para moverse pola cidade de xeito máis ecolóxico. Ao seu carón, tres estudantes de terceiro e cuarto curso da Facultade de Belas Artes propoñen tamén observar a cidade a vista de paxaro.
Por segundo ano consecutivo, Alba Blanco, Hugo Aldatz e Lucía García, elaboraron a ambientación dun dos espazos do Salón previstos para as actuacións de contacontos. A súa proposta titúlase Especies de espazos e como explica Lucía García, “amosa a cidade desde un punto de vista diferente”. “Botamos todo o día metidos dentro da cidade, o que nos impide vela ben e por iso decidimos facer un cambio de perspectiva para poder vela desde fóra”, precisa. Os tres estudantes escolleron representar unha cidade nocturna e con lúa xigante vista desde o ceo, para reflectir a sensación de estar voando, propia dos soños e da imaxinación do mundo infantil. Traballaron a reo durante dúas semanas, pero a experiencia foi boa e volverían recuncar. Lucía García comenta ao respecto que non adoita crear pensando nos nenos como público, pero valora moi positivamente o feito de dispor dun espazo completo para ambientar libremente, posto que lle interesa a instalación, a escultura e a escenografía. Engade: “a experiencia foi xenial, senón non teriamos repetido, ademais a xente da organización involúcrase moito e danche todas as facilidades para desenvolver o teu traballo”.

Rexistro audiovisual

O de Belas Artes non é o único alumnado universitario involucrado na undécima edición do Salón do Libro. Un equipo de catro estudantes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación están realizando o rexistro audiovisual do evento. Son Blanca Piñeiro, Manuel Gulías, Luis Pereira e Marisol Fernández, matriculados no segundo ciclo de Comunicación Audiovisual. Escolleron o Salón do Libro como temática para as prácticas da materia Produción e Realización Audiovisual do profesor Carlos Soutelo, para a que teñen que presentar un magazine televisivo. “Pareceunos unha boa idea esta escolla porque pola temática deste ano, á parte da actividade habitual no Pazo da Cultura e no Teatro Principal, integráronse espazos novos da cidade, o que nos proporciona un escenario multidisciplinar”, explica Blanca Piñeiro, unha das integrantes do equipo.
Están gravando os principais eventos, como o acto de inauguración e o acto do homenaxeado deste ano, Agustín Fernández Paz, así como imaxes de recurso da ambientación, que complementarán con entrevistas aos membros da organización, a todo o equipo de produción, encabezado pola escola de tempo libre Paspallás, e aos voluntarios e colaboradores, incluíndo aos centros educativos. Dende a organización xa valoran este traballo como documento principal desta edición, posto que este ano non haberá catálogo.

Cidades onde nunca pasa nada

Unha das exposicións deste ano do Salón do Libro céntrase no traballo do artista Fruela Alonso, formado tamén na Facultade de Belas Artes. Pode verse na galería Sargadelos e, co título Donde nunca pasa nada, recolle unha serie de pinturas que teñen como motivo a cidade, polo que encadran coa temática desta edición. “Levo anos pintando paisaxes de diferentes tipos e unha delas son as cidades, por iso pensaron en min”, destaca o creador. Para desenvolver o seu traballo emprega como referente fotografías tomadas da prensa que lle chaman a atención. Neste caso inclúe obras baseadas en dúas cidades ben distintas, a ucraína Prityat e a alemá Frankfurt, a primeira abandonada tras a explosión dun reactor nuclear e a segunda densamente poboada. Malia iso, desde a perspectiva aérea dos cadros de Fruela Alonso as dúas producen a mesma sensación que recolle o título da mostra e parecen lugares nos que nunca pasa nada. Contribúe a crear esa sensación a técnica empregada polo artista, acrílico ou óleo aplicado sobre lenzo cun aerógrafo. “Esa falta de nitidez e estilo vaporoso que se percibe nas miñas obras é resultado do uso desta técnica”, explica o artista.

Palabras para Anisia

A Casa das Campás acolleu onte a homenaxe á poeta Anisia Miranda, falecida o 22 de outubro de 2009. Unha vintena de escritores, amigos e admiradores realizaron unha lectura colectiva. Entre outros, Ramón Regueira, Fina Casalderrey, Marta Dacosta, Carlos Fontes, Antón Sobral, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e cinco rapaces do Colexio de Campolongo leron fragmentos de obras como Cantarolas, Os contos do Compay Grilo, A volta de Compay, A casa dos títeres ou Mitos e lendas da Antiga Grecia. Seguiu o acto con emoción o compañeiro da escritora durante máis de medio século, Xosé Neira Vilas, que a lembrou como unha “muller extraordinaria e moi vital, galega e cubana ao cen por cen” e fixo referencia ao ano no que se lle dedicou o Salón do Libro.
A programación desta tarde inclúe a conferencia "NY coma cidade con luz" de Inma López Silva no Café Moderno, dentro do ciclo “Os autores e as cidades”, que traerá mañá xoves a Marcos S. Calveiro. No mesmo lugar Oqo Editora presentará o seu proxecto Contos do Camiño e Caramuxo Teatro levará a escena no auditorio do Pazo da Cultura a obra Os Bolechas.