DUVI

Diario da Universidade de Vigo

AtlantTIC participa nun proxecto internacional para crear unha plataforma de aprendizaxe colaborativ

Unha cidade virtual para espertar o interese polas enxeñarías

O obxectivo de eCity é crear vocacións e mellorar a formación técnica de estudantes de cinco países

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
DUVI 28/05/2014

Os xogos e os mundos virtuais veñen sendo empregados na educación nas últimas décadas, pero ademais de mellorar o rendemento académico, poden ser útiles tamén para espertar vocacións por determinadas ramas do coñecemento. Este é o obxectivo do proxecto europeo eCity, Virtual Environment for Engineering Problem Based Learning, unha iniciativa da que é parceira a Universidade de Vigo a través do centro AtlantTIC. O obxectivo de eCity é o deseño e posta en marcha dunha plataforma VLE (Virtual Learning Environment) en liña e colaborativa orientada á aprendizaxe baseada en problemas. O resultado deberá ser unha simulación dunha cidade que permita a estudantes de secundaria e formación profesional e dos primeiros cursos das escolas de enxeñaría poñer en práctica os seus coñecementos e ver como estes se aplican na vida real, por exemplo, deseñando as redes eléctricas desa cidade, as liñas de comunicación ou a infraestruturas.

Nesta iniciativa participan distintas universidades e centros europeos como o Politécnico de Oporto, Virtual Campus (Portugal), Fondazione Ikaros (Italia), Naime Ali Karatas Cok Programli Lisesi (Turquía), Thessaly University (Grecia) e a Universidad de Valencia. Á cabeza do equipo vigués están os profesores Manuel Caeiro e Martin Llamas Nistal. Este último explica que o traballo da Universidade de Vigo tratará de poñer en valor “a experiencia previa en aprendizaxe electrónica” deseñando esta plataforma, pero tamén se encargarán de propoñer os xogos e problemas relacionado coas telecomunicacións e, máis en concreto, coa telemática. Os outros socios encargaranse dos contidos doutro tipo de ramas como a enxeñaría industrial ou a enxeñaría química.

O proxecto arrancou a principios deste ano e os investigadores agardan que eCity estea en funcionamento a finais do 2015. A vindeira xuntanza dos socios será en Vigo no mes de setembro.

Os beneficios da aprendizaxe colaborativa

O profesor Martín Llamas destaca a utilidade deste tipo de aprendizaxe non só para achegar estes eidos do coñecemento aos futuros universitarios, senón tamén para que os estudantes dos graos de enxeñaría se interesen máis polos seus estudos. Esta xeración de estudantes é nativa dixital e a aprendizaxe colaborativa e baseado en problemas permítelles unha retroalimentación instantánea, sendo unha parte activa no proceso formativo. Os expertos destacan que os resultados de experiencias previas nos últimos anos amosan unha mellora considerable no pensamento crítico, lateral e creativo, nas aptitudes para a resolución de problemas, para a colaboración en grupo, e nas habilidades de comunicación. "As cousas apréndense máis facilmente a través xogos que con páxinas e páxinas explicando conceptos", destaca Llamas.

Unha cidade para aprender

eCity será o escenario no que os estudantes porán a proba os seus coñecementos e comprobarán como estes se aplican á vida real dunha cidade. Será unha simulación da vida dunha poboación, unha cidade virtual na que os estudantes deben facer fronte a problemas como o deseño da rede de antenas para a telefonía móbil, a rede de autobuses ou metro, as redes eléctricas, etc. “A idea é que se poidan ir engadindo casos posteriormente”, explica o profesor Llamas, de maneira que se vaia ampliando esta plataforma e aumentado os retos que os alumnos e alumnas teñen por diante.

Paralelamente, preténdese que eCity promova o sentido de pertenza a unha comunidade, o apoio mutuo e un sistema de recompensas adicional que inclúe puntos pola resolución de problemas permitindo o establecemento de clasificacións e promovendo unha competencia sa. Os traballos dos estudantes quedarán rexistrados para posteriores consultas, estimulando o mecanismo da motivación de recoñecemento. No tocante á inclusión desta ferramenta na docencia habitual, os seus promotores destacan que se pode adaptar sen incidencias, convertendo os problemas ou desafíos en tarefa para casa, traballo en equipo, actividades curriculares, competicións extraescolares, proxectos grandes ou pequenos, etc.

Pero eCity, ademais de ser unha plataforma de simulación dunha cidade e fomentar vocacións na enxeñaría, aspira a converterse tamén unha metodoloxía pedagóxica que poida ser implementada en calquera escola de enxeñaría do mundo. Para iso, comprende dous enfoques complementarios: por unha banda, serán os propios estudantes de enxeñaría os que desenvolverán novos desafíos e problemas e, por outra, os alumnos irán resolvendo o conxunto de desafíos desenvolvidos no proxecto, ademais doutros novos coa axuda dos estudantes de secundaria ou de formación profesional. Deste xeito, os alumnos sustentarán a súa aprendizaxe de enxeñaría e, ao mesmo tempo desenvolverán outras habilidades como o liderado, o traballo en grupo e a colaboración.