DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Universidades e centros de investigación celebran concentracións en toda España

A Ciencia clama contra os recortes e advirte dun dano irreparable ao sistema público de I+D+i

O Campus de Ourense acolleu unha das accións reivindicativas

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
DUVI 19/12/2012
“De non cambiarse a política, o dano ao noso sistema público de I+D+i será irreparable: destruíndo o construído en decenios de esforzos, deixando sen traballo e sen expectativas profesionais a miles de novos investigadores e tecnólogos e afectando seriamente ao devir da economía española”. Esta foi unha das advertencias que se puideron oir nas ducias de concentracións que se sucederon por toda España en defensa da ciencia e da investigación e ás que se sumaron diversos colectivos arredor do movemento Carta pola Ciencia. O obxectivo, segundo as entidades adheridas, é realizar “un chamamento á sociedade en favor da ciencia en Galicia e en España, e denunciar a actual fuga de cerebros que está sufrindo o noso país, xunto con avances científicos e tecnolóxicos que se están a perder".

O campus de Ourense sumouse á convocatoria cunha concentración de máis de medio cento de investigadores e docentes diante do Edificio de Ferro e o Politécnico. Tras unha pancarta co lema “Co I+D+i hai futuro” reclamaron ao Goberno central medidas que freen a precariedade e que aposten pola ciencia e a investigación como motor do crecemento. Principalmente pertencentes á Facultade de Ciencias e á Escola Superior de Enxeñaría Informática portaron tamén pancartas nas que se podía ler “Alemaña e Estados Unidos aumentan o investimento en ciencia, Galicia pecha a porta aos investigadores” e “A nefasta política de I+D+i da Xunta lastra o desenvolvemento de Galicia”.

Carta pola ciencia

Nestas mobilizacións leuse o manifesto Carta aberta pola ciencia en España que, dirixido ao presidente do Goberno, Mariano Rajoy, reclama un xiro nas políticas en I+D+i a nivel estatal que evite o seu desmantelamento. O documento está consensuado pola Confederación de Sociedades Científicas de España, a Conferencia de Reitores das Universidades Españolas, a plataforma Investigación Digna, a Federación de Jóvenes Investigadores, CCOO e UGT. Este iniciativa sen precedentes na comunidade científica española conta coa adhesión de 26.000 investigadores españois e estranxeiros, de máis de 80 países. A eles hai que sumar o apoio decenas de miles de investigadores de 43 sociedades científicas españolas da COSCE e outras 53 asociacións. Entre os apoios individuais atópanse seis Premios Nobel, varios Premios Príncipe de Asturias, Premios Nacionais de Investigación, académicos, científicos, directores de institutos internacionais como por exemplo o Max Planck, docentes, investigadores, reitores, sindicatos e estudantes.

Nesta carta trasládase ao Goberno a preocupación da comunidade científica polos recortes no tecido de I+D+i que se traducen nunha redución do financiamento público do 31% nos dous últimos anos e un 38,67% dende 2009. Entre as consecuencias destes recortes, que continuarán previsiblemente nos orzamentos para o 2013, os asinantes da carta destacan a grave situación do CSIC, a situación igualmente crítica da investigación e docencia universitaria, os retrasos e recortes nas convocatorias de bolsas e axudas como as FPI e FPU, os contratos Ramón e Cajal, Juan de la Cierva e Torres Quevedo.

Todos os colectivos que convocaron esta acción demandan que se inclúa a I+D entre os sectores prioritarios permitindo unha oferta de emprego público e posibilidades de contratación en organismos públicos de investigación, universidades e centros tecnolóxicos, evitando a fuga de cerebros e a paralización dos proxectos en curso.

Estudantes da Universidade na CEUNE

Pero ademais do colectivo científico e investigador, tamén os estudantes están a mobilizarse contra os recorte e a nova Lei de Educación, LOMCE. Foi especialmente reivindicativa a xuntanza do Consejo de Estudiantes Universitarios del Estado que tivo lugar onte martes e na que estiveron representadas as tres universidades galegas. O representante da Universidade de Santiago de Compostela e membro da Liga Estudantil Galega, acabou por abandonar o pleno deste organismo despois de facer unha intervención moi dura sobre a xestión do actual Goberno español. Precisamente, o ministro Jose Ignacio Wert, que estaba previsto presidise a reunión, finalmente non acudiu e delegou no secretario xeral de Universidades, Federico Morán. Dende este sindicato estudantil denuncian que “este organismo é unha simple pantomima que ten como único fin amosar una imaxe de normalidade e diálogo entre o Goberno e a comunidade educativa do Estado, sen ningún tipo de atribución real”.

Por parte da Universidade de Vigo, Iago Varela, amosouse especialmente preocupado pola “forma na que se introducen os pensamentos neoliberais na xestión da educación”. Denunciou na súa intervención que “o anteproxecto de Lei Orgánica que hoxe nos presentan é unha folla de ruta cara a destrución da Educación Pública como a coñecemos actualmente, a pesar dos seus numerosos defectos”.