DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Escolares de sete colexios presentan os seus proxectos na EE Forestal, onde se celebra a Feira da Mi

A ciencia formula preguntas e os nenos e nenas responden

Un xurado composto por profesorado dos diferentes centros do campus encargouse de avaliar os traball

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI 06/06/2014

“Por que sopra o vento?”, “por que pega o pegamento?” ou “por que se funde o chumbo?” son tres exemplos das preguntas que o programa Pontenciencia formulou aos escolares de Pontevedra e ás que estes trataron de dar resposta coa ciencia como aliada. Fixérono ademais pasando da teoría á práctica e desenvolvendo un total de 28 proxectos que na mañá deste venres tocou presentar na Escola de Enxeñaría Forestal, con motivo da apertura da Feira da Miniciencia, o último acto do proxecto posto en marcha polo Concello e a Vicerreitoría do campus co obxectivo de espertar o espírito investigador dos máis novos.

Despois de que Pontenciencia arrincase a comezos de ano cunha serie de obradoiros sobre o método científico, que o profesorado da Universidade impartiu en sete colexios do municipio, preto de 300 estudantes de 6º de Primaria puxéronse mans á obra para dar forma a un total de 28 proxectos que este venres tocou someter á avaliación dun comité científico formado por docentes e investigadores das diferentes facultades e escolas do campus. Por unha banda, os membros do xurado tiñan que analizar as comunicacións previamente remitidas por cada grupo, nas que se baseará o 75% da puntuación final, mentres que o 25% restante dependía das presentacións que os propios rapaces realizaron na apertura desta feira. Foi así como o profesorado do campus puido comprobar de primeira man como funcionaba a “imprenta caseira” dos nenos do CEIP Vidal Portela, observar o “lume case que domesticado” dos cativos do colexio San Benito de Lérez ou coñecer a análise sobre a erosión do solo levada a cabo no CEIP Cabanas.

Aprendendo polos ollos

“Trátase dunha iniciativa estupenda, coa que os nenos están encantados, xa que lles permite formarse desenvolvendo proxectos, aprendendo polos ollos en lugar de cun libro”, salienta a subdirectora da EE Forestal, Ángeles Cancela, que esta mañá acompañou ao concelleiro de Educación, Agustín Hernández, e aos membros do xurado na apertura da feira. Cancela recoñeceu que o que puido ver nos stands que cada colexio instalou na escola eran “experimentos moi interesantes e moi ben levados á práctica” e admitiu tamén que foran moitos os alumnos e profesores que reclamaban darlle continuidade a Pontenciencia cunha segunda edición o vindeiro curso. Entre elas, a profesora da CEIP Marcos da Protela Yolanda Álvarez, que salientaba o positivo dunha experiencia “que permite aos nenos analizar por que suceden as cousas e tratar de chegar a unha conclusión”.

Por outra banda, Canecla incidiu tamén en que a Feira da Miniciencia “supón sen dúbida unha boa promoción para esta escola” e por iso quixo agradecer á colaboración prestada polo persoal do centro a unha iniciativa que encheu de ciencia, ilusión e nenos a EE Forestal. Neste senso, a subdirectora salientou a “implicación do PAS, que estiveron en todo momento atentos e axudando en todo o que puidese facer falta” e da profesora da escola Purificación Marcet, como coordinadora do comité científico.

Actividades alternativas

Despois de presentar diante do xurado os proxectos que nos últimos meses desenvolveron co obxectivo de comprobar ou rexeitar a hipótese formulada inicialmente, os nenos e nenas que nesta xornada acudiron ata a EE Forestal puideron gozar das diferentes actividades complementarias desta Feira da Miniciencia, como un planetario, sesións de teatro científico ou a proxección dos dos vídeos elaborados polo Laboratorio de Ecoloxía e Evolución da Universidade no marco do proxecto Divulgare. Así mesmo, a feira tamén contou coa exposición dos traballos desenvolvidos no CIFP A Xunqueira e da investigación sobre enfermidades infecciosas levada a cabo polo alumnado do IES Sánchez Cantón.

Nesta xornada, o evento estivo centrado nos 20 proxectos desenvolvidos polo alumnado nos sete colexios participantes, pero Pontenciencia tamén contou coas achegas de oito familias, que na mañá do sábado presentarán as súas investigacións ao xurado antes de que se proceda a clausura do evento coa entrega de premios aos mellores traballos.