DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Rede Galega de Biomateriais organizou unha xornada de comunicación para científicos

Ciencia, investigación pero tamén divulgación

Xornalistas amosaron as claves para dar a coñecer os resultados da I+D+i e relacionarse cos medios

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
DUVI 19/03/2015

A principal barreira que atopa o persoal científico e investigador á hora de dar a coñecer os resultados do seu traballo é terse que comunicar cun público non especializado. Máis aló das publicacións científicas de cada ámbito, a sociedade en xeral tamén demanda información sobre os proxectos que se desenvolven nas universidades e centros de I+D. Ese é o reto, conseguir unha comunicación efectiva que permita trasladar coñecementos especializados a un público xeneralista a través de xornalistas que moitas veces tampouco están especializado en ciencia. Por iso, é crucial que os propios investigadores e investigadoras coñezan algunhas das claves da comunicación xornalística para poder manexarse en artigos, roldas de prensa, entrevistas, etc. Ese é o obxectivo da xornada Comunicación para Científicos que a Rede Galega de Biomateriais organizou este xoves no Edificio de Ciencias Experimentais do campus. O obxectivo é que o persoal docente e investigador teña un achegamento ao xeito de traballar dos medios de comunicación, e para iso, a xornada contou coa presenza de xornalistas que, nunha primeira parte do programa ofreceron varias charlas e, nunha segunda, un obradoiro práctico destinado especialmente a membros da Rede Galega de Biomateriais.

O gran reto para comunicar con eficiencia: o manexo da linguaxe

A primeira das ponencias correu a cargo da responsable da empresa Growcom, Innovación e Comunicación, Sandra Rodríguez, que explicou aos asistentes as rutinas dos medios de comunicación e as dinámicas de traballo dos xornalistas. Ademais de facer un repaso polos diferentes xéneros do periodismo, Rodríguez fixo fincapé na importancia dos tempos, nas preguntas que convén facerse antes para enfocar ben as respostas e nas ferramentas imprescindibles, que segundo destacou “son o manexo da linguaxe, o enfoque, a identificación de ideas e a construción do discurso”. Segundo explicou Sandra Rodríguez as regras básicas para comunicarse coa prensa pasan por proporcionar boa información, “se se pode por escrito, salientando con parágrafos en negriña aqueles aspectos máis importantes para facilitarlle o traballo os xornalistas”. Tamén subliñou a necesidade de “comunicar con claridade e sinxeleza, proporcionar todas as explicacións necesarias, respectar a profesionalidade dos xornalistas, manter a continuidade da relación, estando dispoñible para aclarar calquera dúbida tras a publicación da información e respectar a exclusiva”.

A responsable de Growcom tamén lles explicou aos científicos que o que os xornalistas agardan deles é “colaboración e respecto; que vos adaptedes aos seus tempos; que non os presionen nin asoballar preguntando, por exemplo, cando sairá a noticia e que os axudedes a atopar a 'percha', o enganche da noticia, o titular”. Con todo, Sandra Rodríguez subliñou, a través de exemplos prácticos, que o gran reto para comunicar con eficiencia “é o manexo da linguaxe, para iso cómpre coñecer e empregar ‘recursos gañadores’ que nos proporcionan por exemplo as metáforas, as comparacións con algo coñecido para facilitar a comprensión, uso de exemplos ou as referencias cotiás”. Salientou tamén que os criterios de “noticiabilidade” son a actualidade ou inmediatez, a repercusión social, a repercusión económica do tema, a proximidade, a curiosidade, a singularidade ou a espectacularidade. Como exemplo, lembrou que os temas que adoitan ter máis impacto son a saúde e benestar, o consumo e a educación.

A radio foi a protagonista da segunda sesión, da man de Manuel Vicente, locutor responsable do programa Efervesciencia de Radio Galega, que lembrou que os micrófonos non son o medio natural dos investigadores, pero coñecer como funciona o mundo da radio pode axudar a facer que o científico saia airoso en calquera formato radiofónico. A primeira parte da xornada pechouse coa intervención de Xabier González, xestor da Rede Galega de Biomateriais, que se centrou na comunicación e nos dereitos de autor, para explicar os problemas que poden aparecer co emprego de textos ou imaxes ou o xeito de protexer os artigos, presentacións ou obras audiovisuais.

A segunda parte do programa comprendeu un obradoiro de habilidades de comunicación para científicos, co obxectivo de dotar aos investigadores e investigadoras da Rede Galega de Biomateriais das ferramentas necesarias para facer chegar o seu traballo científico á sociedade empregando as diferentes canles de comunicación. Para iso tiveron dúas sesións prácticas nas que realizaron un resumo cunha linguaxe sinxela para medios de comunicación non especializados e pílulas radiofónicas sobre biomateriais, que serán emitidas posteriormente no programa Efervesciencia da Radio Galega.