DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha iniciativa organizada polo alumnado do centro

Ciencias da Educación e do Deporte ábrese á cidade con activide física para todos os gustos

A xornada inclúe unha gymkana, unha clase de hip hop, actividades con material reciclado e unha inic

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Bea Feijoo DUVI 13/12/2010

“Vir ao campus non só para ir a clase, senón tamén para levar a cabo propostas divertidas e que interesen a todos” é o espírito co que o alumnado de cuarto de licenciatura de Ciencias da Actividade Física e do Deporte organizou a primeira edición da xornada PIN PAN, Deporte para todos, aberta para toda a comunidade universitaria. A finalidade deste circuíto de actividades é achegar a práctica do deporte a todo o mundo “preparando exercicios de iniciación para todos nos que calquera, sen ser un deportista habitual, poida participar”, así o explica Nahir Raya, unha das alumnas organizadoras. O programa inaugurábase cunha gymkana por todo o campus e de seguido unha masterclass de hip hop. A tarde quedaba reservada para actividades con material reciclado e unha clase de aproximación ao rugby. Son “actividades novas, alternativas que poidan interesar, fuxindo un pouco das prácticas máis habituais”, en palabras de Alba Calé, outra alumna organizadora.

PIN PAN Deporte para todos é unha iniciativa orixinal e ideada polo alumnado da materia Deporte para todos que se imparte en cuarto de licenciatura de Ciencias da Actividade Física e do Deporte. É consecuencia da necesidade de levar á práctica os presupostos teóricos de ser quen de impartir actividades que permitan a participación de todos os perfís de persoas, practiquen ou non deporte. Como explicou David Enríquez, un dos organizadores, “queremos que con esta xornada se difunda a práctica do deporte conseguindo que a xente o considere importante e o practique na súa vida diaria”.

Desde unha gymkana ata unha clase de rugby

Todas as actividades previstas na xornada eran impartidas polos propios alumnos e alumnas da materia, xa que “se aproveitou o coñecemento de cada un e se alguén estaba especializado en algo daba a clase”, tal como apuntou Nahir Raya.

A mañá comezou coa celebración dunha gymkana na que os participantes tiveron que buscar pistas agochadas por todo o campus pontevedrés montados nunha bicicleta. Gañaba aquel que completara a frase PIN PAN deporte para todos. De seguido tivo o lugar a clase de hip hop, impartida polo alumno Ángel Martínez coa que pretendía “que axente se divertise e colla gusto polo baile moderno, coñecendo os pasos moi fáciles e sinxelos para todo o mundo”. Primeiro procedeu a ensinar os pasos de baile necesarios para realizar unha exhibición ao rematar a sesión.

A tarde quedou reservada para prácticas deportivas con material reciclado e para finalizar, unha clase de iniciación ao rugby dirixida polos alumnos Alfonso Basadre e Antonio Iglesias co apoio dun adestrador profesional. Como explicou Alfonso Basadre “trátase dunha clase de introdución, aberta para todo o mundo na que se pode vir tranquilamente co fillo porque non vai haber exercicios bruscos”.