DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través da lectura dun manifesto co que se suma ás iniciativas da rede de escolas Unesco

Ciencias da Educación e do Deporte alza a súa voz contra a guerra en Ucraína

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI Pontevedra 16/03/2022

Desde 2016, a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte forma parte da Rede de Escolas Asociadas á Unesco (rede PEA), que agrupa máis de 11.000 centros educativos de 182 países e que ten como obxectivo a promoción dos valores da paz, o diálogo intercultural, o desenvolvemento sostible e a educación de calidade. Como membro desta rede, o centro do campus pontevedrés mostrou este mércores “o seu claro rexeitamento a todas as guerras e, neste momento específico, á que está sufrir a poboación de Ucraína”, a través dun manifesto ao que se deu lectura á entrada da facultade, nun acto aberto á participación de toda a comunidade universitaria, co que o centro quería sumarse tamén ao manifesto en contra da guerra da coordinadora española da rede PEA.

“Como escolas asociadas á Unesco, non debemos e non queremos deixar de alzar a voz para denunciar as penurias que está a sufrir a poboación civil de Ucraína, especialmente as persoas menores de idade”, recolle o manifesto ao que se encargou de dar lectura este mediodía a integrante da Delegación de Estudantes Erea Soto. Este breve acto, “de gran contido simbólico”, como sinalaron desde a comisión organizadora, tivo lugar na entrada da facultade e contou coa presenza do decano, Óscar García, e da coordinadora galega da rede de escolas Unesco, Susana Enguidanos, así como dos integrantes da Comisión PEA-Unesco da facultade e de persoal e alumnado do centro.

“Aínda que as nosas palabras non sexan escoitadas por quen pode acabar con esta guerra, o noso compromiso cos valores da Unesco impídenos quedar en silencio na nosa impotencia”, recolle o texto ao que deu lectura Soto, que fai énfase no rexeitamento “a todo enfrontamento armado e calquera tipo de violencia”, que constitúen “semente de sufrimento, odio e mesmo de desarraigo, cando non de morte”. Alén de esixir a finalización de todas as guerras e trasladar o desexo de que “triunfe o entendemento entre todas as persoas, que permita acadar a paz e construír a paz positiva”, este manifesto puña tamén o foco nas consecuencias dos conflitos armados na infancia. As e os menores, salienta o manifesto, ven como as guerras lles arrebatan “todos os seus dereitos”, entre os que se atopan “a educación, a liberdade, a saúde, o xogo e, en moitos casos, a familia”, condenándoos a “loitar co trauma que provoca toda guerra”, que en moitos casos deixara neles “unha pegada para o resto das súas vidas”. 

O acto completouse coa lectura do poema Basta, da escritora e profesora da facultade Elvira Ribeiro, que pide un "basta á paz maltratada" e dá grazas "ás palabras plantadas nas landas da paz".