DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ciencias da Educación e do Deporte amplía instalacións coa posta en marcha de novos laboratorios e un salón de graos

En breve entregarase tamén a quinta fase do edificio, integrado pola área de vestiarios

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
E.L. Castro DUVI 29/10/2009

As obras da cuarta fase do edificio da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte xa están rematadas. Este novo anexo inclúe tres laboratorios, un de Ciencias Naturais, un de Fisioloxía e Biomecánica e outro de Artes Plásticas, así como unha aula de informática e novas tecnoloxías e un salón de graos. Comezarán a utilizarse con regularidade dentro de quince días, unha vez instalado todo o material necesario, segundo confirmou o decano José María Cancela Carral. “Estas novas instalacións permitirán camiñar na adaptación ao cambio docente que implica o Espazo Europeo de Educación Superior, EEES”, subliñou. Referiuse en particular aos grupos de estudantado, que van ser máis reducidos e cun trato máis individualizado.
Os laboratorios de Ciencias Naturais e Artes Plásticas estarán máis vinculados aos graos de Educación Infantil e Primaria e mais ás diplomaturas de Educación Infantil, Primaria, Física e Musical; mestres que o de Fisioloxía e Biomecánica centrarase na docencia ligada á Licenciatura en Ciencias da Actividade Física e do Deporte. Para Cancela os laboratorios son unha parte fundamental na formación, “porque é o primeiro contacto dos estudantes co campo experimental e profesional”.
O salón de graos, segundo precisou o decano, “era unha prioridade demandada dende hai moito tempo polo profesorado, porque todos os eventos do centro se tiñan que trasladar a espazos próximos doutras facultades”. Ten unha capacidade para 80 persoas e o seu obxectivo será acoller todos os actos vinculados ao centro, desde lecturas de teses e traballos de fin de grao ata xornadas e seminarios. A aula de informática e novas tecnoloxías ven a engadir 35 novos postos á xa existente.

A biblioteca formará parte da sexta e última fase

En breve entregarase tamén a quinta fase do edificio da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, integrado pola área de vestiarios. Segundo a previsión do decano, as obras estarán rematadas dentro dun mes. “Cóbrese así unha necesidade formulada desde un principio porque tiñamos moitas instalacións deportivas, nas que traballamos con seis grupos á vez, e só dispoñiamos de dous vestiarios” aclarou Cancela.
Quedaría pendente a sexta e última fase, reflectida no proxecto inicial, pero aínda sen comezar, que é a que recolle as aulas e zonas de traballo para o alumnado, así como unha biblioteca. Para o decano é unha prioridade comezar a traballar canto antes nesta liña, pois indicou que “agora mesmo os estudantes teñen que empregar zonas comúns e precisan un espazo tranquilo para estudar e traballar en equipo”. No caso da biblioteca, Cancela sinalou que se trataría dun anexo de tamaño considerable, “para responder a unha demanda xeneralizada do campus, que ten unha biblioteca central que se sobresatura en época de exames”. O decano quixo lembrar tamén que todas as instalacións do centro son susceptibles de modificacións en función da evolución que sufran as titulacións no marco do EEES.