DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A centro agarda a aceptación do organismo internacional para incorporarse a súa rede de escolas

Ciencias da Educación e do Deporte busca coa Unesco ratificar o seu compromiso cun mundo máis xusto

A adhesión implica un compromiso cos dereitos humanos, a cooperación e o desenvolvemento sostible

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI 03/09/2014

Recibir a aceptación da sede central da Unesco en París é o único trámite que lle queda por diante á Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte para converterse no primeiro centro universitario de Galicia en entrar a formar parte da rede de escolas desta organización para a educación, a ciencia e a cultura dependente das Nacións Unidas. Preto de 9000 centros de ensino de múltiples partes do mundo forman parte dunha rede dedicada á defensa da cooperación internacional, os dereitos humanos e o desenvolvemento sostible; unha rede que, como salientou a decana do centro, Francisca Fariña, implica “un compromiso coa cidadanía e cun mundo máis xusto e máis igualitario”.

Co obxectivo de presentar os principios nos que se sustenta, a coordinadora desta rede de escolas en Galicia, María Luisa Márquez, participou este mércores no acto de benvida ao alumnado de novo ingreso das diferentes titulacións do centro, ante os que destacou que esta incorporación achega “un plus á facultade e abre as súas portas ao mundo”. Acompañárona neste acto o vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a decana, que recoñeceu ter “moitas esperanzas” de que a facultade poida converterse na segunda de España, despois da de León, en integrarse nesta rede. Así mesmo, Fariña destacou neste acto a implicación amosada polo Concello “para promocionar este centro como Escola Unesco”.

Uns valores que transmitir aos futuros mestres

Segundo explica Márquez, para entrar a formar parte desta rede, aberta tanto a centros de educación, infantil, primaria e secundaria como ás facultades de Ciencias da Educación, o centro “ten que adquirir en primeiro termo un compromiso de calidade”. A partires de aí, deberá tamén implicarse en ofrecer unha “educación diversa, integradora e aberta ao fundo”, que teña como eixos a cooperación internacional, a defensa dos dereitos humanos e da cultura de paz e unha aposta polo desenvolvemento sostible. “O obxectivo é que estes sexan un compromisos que estean sempre presentes, máis aló das actividades concretas que se desenvolvan”, engade a coordinadora dunha rede da que forman parte en Galicia 17 centros. En esencia, a conversión da facultade en escola Unesco implicará un compromiso cuns “valores transversais” que contribúan a “crear conciencia” para que, o día de mañá, os estudantes sexan tanto mestres “como cidadáns críticos e comprometidos”.

Compromiso cuns valores que transmitir aos futuros mestres

A promoción de actividades vinculadas aos principios da Unesco e a súa incorporación á docencia constitúen un dos compromisos centrais do proxecto presentado pola facultade á Unesco, segundo relata o coordinador da comisión que se encargou da súa redacción, o profesor Miguel Cuevas. “Algúns deses principios xa se están incorporados ao plan de estudos na actualidade, o que significa que faremos finacé neles e, por outra banda, incluíranse tamén aqueles que a facultade e a comisión da Unesco considere pertinentes para formación do alumnado”, resalta Cuevas, que incide en que un dos obxectivos deste proxecto é “intentar involucrar a todos os membros da comunidade universitaria”.

Explica Cuevas que o traballo para a incorporación a este rede de escolas comezou en xullo coa aprobación por parte da Xunta da Facultade do proxecto ao que vén de dar o seu “visto bo” a coordinación nacional da Unesco en Madrid, polo que só queda pendente “que reciba a aceptación na sede da Unesco en Paris”. A partires de aí, a facultade pasaría a ser membro da rede de xeito provisorio posto que, segundo indicou Márquez, “non é ata o segundo ano cando se oficializa a adscrición á rede”.

Ese período provisorio de incorporación xa foi contemplado na memoria elaborada desde o campus, na que se inclúen unha serie de actividades baseadas nos principios da Unesco, como a Ágora da Paz programada para o 31 de xaneiro, a conmemoración do Día Internacional da Non Discriminación Racial, o 21 de marzo, ou unhas xornadas sobre resolución pacífica de controversias e conflitos e sobre o bo trato a persoas menores de idade.