DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O xoves 23 ábrese o prazo para a presentación de candidaturas a decano ou decana

Ciencias da Educación e do Deporte celebrará eleccións a Decanato o 3 de febreiro

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI 16/01/2014

A través dunha resolución da actualmente xa decana en funcións, Francisca Fariña, a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus de Pontevedra vén de meterse de cheo nun proceso electoral, que culminará o vindeiro 3 de febreiro coa elección da persoa que se situará ao temón do centro nos vindeiros tres anos. Despois da constitución da xunta electoral e unha vez se expoñan a vindeira semana os censos definitivos do PDI, PAS e alumnado que participarán na votación, o xoves 23 abrirase o prazo de presentación de candidaturas a decano ou decana.

Os e as aspirantes a situarse á fronte do decanato da facultade pontevedresa disporán de prazo ata o 27 de xaneiro para presentar as súas candidaturas, que serán proclamadas de xeito definitivo pola xunta electoral o venres 31. Pechado este prazo, procederase ao día seguinte á proclamación provisional de candidatos e candidatas, que será definitiva tres días despois, unha vez transcorrido o pertinente período de alegacións.

Foi en maio de 2011 cando con 47 votos a favor, 9 en contra e unha abstención, Francisca Fariña, que xa exercía en funcións desde maio do ano anterior, se converteu na nova decana electa de Ciencias da Educación e do Deporte, á fronte do equipo que completan os vicedecanos Roberto Barcala, Carlos Lago, Uxío Pérez e Jorge Viaño e a secretaria María de los Ángeles Fernández.