DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desenvolverase o 4 de marzo na facultade e no Pavillón Multiusos da Xunqueira

Ciencias da Educación e do Deporte colabora cunha xornada dirixida a fomentar a práctica da escalada entre as mulleres 

Aberta a todas as idades, conta xa con máis de 150 inscritas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Igualdade
  • Deportes
DUVI Pontevedra 28/02/2023

Fomentar a práctica da escalada entre a nenas e mulleres de todas as idades é o obxectivo central de Escalada en Feminino, unha actividade que o sábado 4 de marzo convidará a iniciarse nesta disciplina deportiva nos rocódromos da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e do Pavillón Multiusos da Xunqueira. Promovida polo club Aromon en colaboración coa Concellería de Deportes, a Universidade de Vigo e a Deputación Provincial, trátase dunha actividade dirixida a mulleres de máis de 5 anos, para a que non é precisa experiencia previa na práctica deste deporte e que suma ata a data máis de 150 inscritas.

O obxectivo desta iniciativa, que o club Aromon impulsa por primeira vez con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller o 8 de marzo, é “intentar darlle visibilidade ao deporte en feminino e, principalmente, a deportes de montaña como a escalada, nos que a porcentaxe de mulleres é aínda moi baixo nos niveis de competición”, sinala a vocal do club e profesora da facultade Águeda Gutiérrez. Con esa idea de “facer visible" este deporte "entre as mulleres”, como engadiu a presdenta da entidade, Carmen Iglesias, esta iniciativa foi presentada este martes no Concello, nunha rolda de prensa que contou coa participación do concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, a deputada provincial Ana Laura Iglesias e os tamén participantes na organización Mirian Caíña, Sara Ricoy, Manuel Beloso e Raúl Sánchez. 

Escalada en Feminino desenvolverase en grupos dun máximo de 20 persoas e arrancará, na mañá do sábado, no rocódromo de Ciencias da Educación e do Deporte, onde terán lugar as dúas primeiras sesións, previstas para as 10.30 e as 12.00 horas. Xa pola tarde, continuará no multiusos da Xunqueira, con dúas novas quendas, ás 16.30 e ás 18.00 horas. Como explicou Fernández, trátase dunha actividade gratuíta, “para a que non se precisa experiencia previa e na que haberá niveis adaptados ás capacidades de cada persoa” e que mantén aberta a súa inscrición ata este mércores 1 de marzo. Non obstante, sinalou Gutiérrez, esta xornada está a ter “unha aceptación tremenda” e conta xa con máis de 150 inscritas, “das que só poderemos atender unhas 85 nesta edición”. Gutiérrez valorou tamén o feito de que entre as participantes figuren persoas de todas as idades, de 5 a 65 anos, “na súa maioría, xente que nunca probou este deporte”. Non en van, se ben a porcentaxe de nenas que se inician nesta disciplina nas Escolas Deportivas Municipais é do 46%, esta sitúase por debaixo do 30% no número de integrantes do club Aromon que compiten neste deporte.