Antonio Bores, preparador físico da selección española de fútbol sala, incorpórase ao corpo docente
Ciencias da Educación e do Deporte ficha un campión de Europa
Cre que a facultade se “vai converter en referente nacional dentro deste ámbito”
No mes de febreiro cumpriu dous soños, ser campión de Europa coa selección española de fútbol sala e pasar a formar parte do corpo docente da Universidade de Vigo como profesor interino. Antonio Bores, preparador físico da Federación Española de Fútbol, compatibiliza o seu labor profesional coas horas de clase que imparte na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus e recoñece estar "encantado" coa oportunidade polo que espera "que se poida manter no futuro” ao tempo que confesa que é a súa primeira experiencia como docente de forma continuada.
O alumnado de 3º curso do Grao en Ciencias da Educación Física e do Deporte amósase “orgulloso” de que un campión de Europa de fútbol sala estea dando clase no centro, logro ao que Bores tenta quitarlle importancia. “Xa é unha satisfacción poder representar ao teu país nun campionato internacional, máis se resultamos vencedores, pero cando es parte integrante do proxecto non te podes deter, hai que seguir avanzando e mellorando”, salienta. Nestes momentos está inmerso na preparación da fase clasificatoria para o Campionato Mundial que se celebrará en novembro en Tailandia. De todos modos, Bores é quen de compatibilizar os dous labores sen que se resinta ningún, aínda que teña que percorrer “centos de quilómetros en coche” todas as semanas para conseguilo.
O doutoramento tamén na Universidade
Bores admite que sente “unha atracción” pola ensinanza universitaria polo que lle gustaría rematar a súa vida laboral formando parte desta institución, xa que, “o feito de poder transmitir experiencias acumuladas a un público máis novo que se está formando, é algo que me enche como persoa e como profesional”.A relación de Antonio Bores coa Universidade de Vigo naceu hai catro anos cando decidiu matricularse nun programa de doutoramento. “En 2008 formaba parte do equipo Autos Lobelle e a miña inquedanza investigadora levoume ata o campus de Pontevedra onde me topei cun corpo docente me tendeu a man para poder desenvolver a miña tese que presentei en abril de 2011”, describe o docente. A pesar de que o seu perfil profesional está orientado ao fútbol sala, Bores realizou un estudo sobre socorrismo baixo a titoría do profesor Roberto Barcala, “pois antes de chegar ao mundo da alta competición, pasei moitos veráns da miña vida dedicándome ao socorrismo”, un campo de investigación “no que ademais se podía achegar algo novo e diferente”.