DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Constitúe unha subscrición formal do traballo conxunto habitual entre as dúas institucións

Ciencias da Educación fixa un convenio de colaboración co Centro Galego de Tecnificación Deportiva

Atinxe desde o intercambio de espazos á organización de prácticas e o asesoramento psicolóxico de de

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Esmeralda L. Castro DUVI 05/07/2010

A Universidade vén desenvolvendo unha estreita colaboración coa administración autonómica en cuestións deportivas, tanto no que se refire ao ensino e á investigación científica como á promoción e á práctica do deporte en toda Galicia. No caso concreto do campus de Pontevedra isto materialízase nas iniciativas conxuntas que dende hai tempo veñen desenvolvendo a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e o Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD). Co obxectivo de formalizar esta relación nun convenio de colaboración hoxe mantiveron unha xuntanza no decanato da facultade representantes dos dous centros. Interviñeron pola parte universitaria a decana, Francisca Fariña, a vicedecana de Converxencia Europea e Relacións Institucionais, María José Martínez Patiño, e o secretario da facultade, Carlos Lago. En representación do CGTD acudiron Elena Fernández e Pilar López, respectivamente, directora e subdirectora do centro.

“O que fixemos hoxe foi analizar o borrador do convenio, que non é máis que unha subscrición formal do acordo que xa se viña desenvolvendo, para mantelo e mesmo incrementalo”, sinalou a decana, Francisca Fariña. Con respecto á sinatura definitiva do convenio, comprometeuse a “dinamizar todo o proceso para poder facelo realidade antes de final de ano”. Pola súa parte, Elena Fernández afirmou que “é un convenio que convén a ambas institucións, porque as dúas estamos encamiñadas ao mesmo, beneficiar ao alumnado e aos nosos deportistas”. Neste senso, a directora do CGTD subliñou a boa disposición da facultade para colaborar: “neste centro nós sempre atopamos as portas abertas, xa co anterior equipo de goberno de José María Cancela”.

Intercambio de espazos, investigacións e publicacións

O propósito deste convenio é realizar actividades e proxectos conxuntos de todo tipo que resulten de interese mutuo. Como principal achega establece un intercambio de espazos deportivos e docentes, que redunden na mellora da docencia, a investigación e o adestramento dos deportistas. Así mesmo, propón a promoción e colaboración no desenvolvemento de proxectos de investigación en base ás necesidades e posibilidades de ambas partes. Para a difusión desta actividade investigadora o borrador do convenio fixa a elaboración e intercambio de publicacións vinculadas co Deporte e a Educación Física.

Asesoramento en psicoloxía deportiva

A decana de Ciencias da Educación e do Deporte quixo subliñar a especial importancia para ela do punto terceiro que fixa o convenio, referido ao asesoramento e apoio conxunto en materia de planificación, seguimento e control do adestramento tanto físico como psicolóxico para os deportistas bolseiros do Centro Galego de Tecnificación Deportiva. “Por deformación profesional eu sinto un gran compromiso con esta tarefa, ademais na facultade contamos con persoal moi formado e moi capacitado para a psicoloxía deportiva, como é o caso do profesor Joaquín Dosil, alén da colaboración habitual do catedrático de psicoloxía da USC Constantino Arce”, salientou Francisca Fariña.

O texto complétase con referencias á organización de todo tipo de actividades académicas e deportivas (cursos, congresos, simposios, conferencias, concentracións, campionatos, etc.) e ao apoio a estudantes no desenvolvemento de prácticas curriculares e preprofesionais.