DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase de Felipe Alonso Monje, Camilo Brandín, José Lois Vázquez e Sara Rodríguez

Ciencias da Educación rende unha emotiva homenaxe aos seus docentes que se xubilan

Coincidindo coa edición do libro 'Educación e sociedades. Novas reflexións multidisciplinares'

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 15/12/2011
A Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourente tivo este xoves unha cita dobremente especial. Por unha banda, rendéuselle homenaxe a catro dos seus docentes que se xubilaron o pasado curso, como son Felipe Alonso Monje, Camilo Brandín, José Lois Vázquez e Sara Rodríguez. Pero ademais, esta homenaxe coincidiu coa saída do prelo do libro Educación e sociedades. Novas reflexións multidisciplinares. Dez anos da Facultade de Ciencias da Educación. Esta publicación reúne boa parte do traballo investigador que se levou a cabo durante os cinco últimos anos no centro ourensán por parte de medio cento de investigadores.

Despedida a medidas

A cita, que contou coa asistencia de numerosos docentes do centro, comezou coa homenaxe aos catro profesores xubilados, en representación dos cales estaban Felipe Alonso Monje e Camilo Brandín, desculpando a súa presenza José Lois Vázquez, por motivos de saúde, e Sara Rodríguez. Despois de 30 anos de docencia, Camilo Brandín quixo salientar a oportunidade que supuxo para el e os seus compañeiros exercer a docencia porque, apuntou, as dúas accións máis satisfactorias que se poden realizar “é aprender ler a un neno e axudar a pensar a un adulto”. O docente recoñeceu os sentimentos ambivalentes que tivo ante a xubilación, "entre deixar paso aos máis novos e as dificultades de deixar a facultade", polo que, dixo, optou por unha "despedida a medias", mantendo a vinculación coa Universidade en aspectos como a docencia na Aula para Maiores.

Pola súa banda, Felipe Alonso Monje quixo destacar todo o que aprendeu exercendo a docencia ao mesmo tempo que compaxinaba esta actividade co exercicio profesional, querendo especialmente agradecer que os seus compañeiros de facultade sempre o considerasen un docente máis do centro. A ensinanza continuará para el, explicou, na educación da súa neta, intentando aplicar na práctica os coñecementos impartidos e adquiridos na Facultade de Ciencias da Educación de Ourense.

A todos eles, María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, quixo darlle “as grazas por todo o que temos compartido e o que nos tedes achegado como profesionais pero tamén como persoas”. Un sentimento compartido por Mercedes Suárez, decana da Facultade de Ciencias da Educación, quen quixo engadir “a perda que supón para unha facultade coma a nosa perder a xente con tanta formación e experiencia”.

30 artigos e 500 páxinas

Alén desta homenaxe, durante o acto Xosé Manuel Cid, vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación, presentou o libro Educación e sociedades. Novas reflexións multidisciplinares. Dez anos da Facultade de Ciencias da Educación. “Este libro dá unha continuidade ao editado en 2006 e seguindo a súa perspectiva recolle unha mostra das liñas de investigación da Facultade nos últimos cinco anos”. A obra recolle 30 artigos, resultados de teses e investigacións e outros textos elaborados por arredor de 50 investigadores. Cun forte carácter pluridisciplinar, a publicación afonda ao longo de case 500 páxinas en aspectos historico-pedagóxicos, socio-antropolóxicos, psico-pedagóxicos e na dimensión práctica da educación.