DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Durante o curso 2014/2015 impartirá un programa internacional de 60 créditos e once materias

Ciencias Empresariais e Turismo ábrese ao alumnado estranxeiro ofrecéndolle clases en inglés

A iniciativa permitirá tamén aos estudantes do centro aprender a manexarse nese idioma

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 18/03/2014

Despois de realizar con éxito unha experiencia piloto este curso académico, en 2014/2015 a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense lanzarase de cheo á súa internacionalización ofrecendo un programa de once materias e 60 créditos en inglés no grao de ADE que permitirá ao alumnado estranxeiro vir a estudar a este centro e ao estudantado propio aprender a manexarse nos negocios nese idioma. Ademais, e a través da colaboración coa Confederación Empresarial de Ourense, abrirase a oportunidade para os estudantes foráneos de facer prácticas en empresas da contorna.

Achegando o perfil do alumnado ás necesidades da contorna

Elena Rivo, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo; Elena de Prada, vicedecana de Relacións Internacionais da mesma facultade; José Manuel Pérez, presidente da Confederación Empresarial de Ourense; José Manuel Díaz, vicepresidente da CEO, e Jaime Pereira, secretario xeral da mesma entidade, foron os encargados este martes de presentar na sede da Confederación Empresarial este proxecto de internacionalización. Segundo destacou Elena Rivo, esta iniciativa une dous dos obxectivos do centro, como son “o seu achegamento á contorna e a súa internacionalización” e é froito de conversas iniciadas en setembro entre a facultade, a CEO e empresariado ourensán, conversas nas que se analizaron as necesidades do tecido empresarial respecto aos novos titulados universitarios.

“A formación que se imparte nas aulas e os perfís que demandan as empresas deben ir da mano coa finalidade de adecualos da maneira máis óptima. Por iso desde aquí realizamos una petición formal á Universidade de Vigo para que reforzase dalgunha maneira a formación en idiomas. A iniciativa que se presenta hoxe servirá, por un lado, para achegar de maneira global a oferta formativa á demanda real que teñen as empresas e, por outro, para que poidamos incidir nunha maior oferta de emprego de expertos en comercio exterior”, apuntou José Manuel Pérez.

Para o alumnado propio e foráneo

Segundo explicou Elena de Prada, no curso 2013/2014 realizouse unha experiencia piloto na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de impartir partes dalgunhas materias en inglés na que participaron arredor de 300 alumnos do centro. Con nove docente xa acreditados pola Universidade de Vigo para dar esta docencia en inglés e ante o éxito da iniciativa piloto, no curso 2014/2015 esta faciana internacional do centro consolidarase coa oferta no grao de Administración e Dirección de Empresas, ADE, dun programa internacional de 60 créditos, mínimo requirido para facer unha estadía co Programa Erasmus, repartidos en once materias dos diferentes cursos académicos. O estudantado do grao poderá elixir realizar cada unha destas once materias en inglés ou na lingua que se viña impartindo ata o de agora. “Para o noso alumnado é moi enriquecedor participar porque practica inglés pero tamén porque se beneficia dun clima moi internacional na aula”, subliñou Elena de Prada.

O segundo grupo ao que vai dirixido este programa internacional é ao alumnado estranxeiro, que pode ter así unha oportunidade de vir a realizar un curso académico ao campus de Ourense aínda que non fale castelán. “Dar clases en inglés ábrenos a Europa”, advertiu a decana de Ciencias Empresariais e Turismo. O centro traballa agora na difusión deste programa internacional en universidades europeas, especialmente nas que teñen graos de ADE e Turismo, co obxectivo de poder atraer ao seu alumnado e de establecer dobres graos con esas institucións que permitan o intercambio de alumnado e a obtención dun título polas dúas universidades. Esta iniciativa de dobre grao, adiantou Elena Rivo, xa se está traballando coa universidade alemá de Bremerhaven. Ademais, engadiu  a decana, a intención é ampliar esta internacionalización tamén ao grao de Turismo, unha vez haxa docentes suficientes acreditados para a docencia en inglés.

Por último, Jaime Pereira fixo fincapé en que, grazas ao convenio de colaboración para a realización de prácticas existente entre a CEO e a facultade ourensá e grazas a esta aposta pola internacionalización, o alumnado estranxeiro que decida facer as súas estadías co Programa Erasmus Prácticas en Ourense poderá estar traballando en inglés en empresas da contorna, co enriquecemento que iso suporá para o tecido empresarial ourensán e as oportunidades de futuro que se lle abren tendo en conta a actual aposta pola internacionalización do sector económico.