DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A súa temática é ‘A muller de hoxe’

Ciencias Empresariais e Turismo convoca un certame de fotografía co gallo do 8M

A data límite de recepción de imaxes é o 4 de marzo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Igualdade
  • Premios
  • Institucional
DUVI Ourense 01/03/2024

A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense súmase á celebración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, coa posta en marcha dun concurso fotográfico. A súa temática, indican desde o centro, é A muller de hoxe, convidando ás persoas interesadas a presentar propostas que reflexen “a muller actual, a que traballa na casa e fóra dela, a que dirixe unha empresa e tamén unha familia, e celebrar o 8M tan só cunha imaxe”.

Concretamente, as bases do certame recollen que as imaxes teñen que ser orixinais e “deberán amosar a muller: a traballadora, a nai, a amiga…”, admitíndose obras en branco e negro ou en cor e un máximo de 3 propostas por persoa, aínda que só unha delas poderá ser premiada. A data límite de recepción de fotos é o 4 de marzo, ás 23.59 h. Todas as imaxes exporanse numeradas no vestíbulo da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo o propio 8 de marzo, e estarán durante varias semanas no centro. Ata o 15 de marzo estará habilitada unha furna xunto ás fotografías para que o alumnado exerza o seu voto elixindo a súa imaxe favorita. A partir dese día, o decanato do centro fará o reconto de votos e anunciará cales son as tres fotografías máis votadas, cuxos autores ou autoras recibirán un teléfono intelixente de agasallo.

Conferencia en Dereito

A celebración deste día internacional tamén terá lugar na Facultade de Dereito, que organiza este 8 de marzo a conferencia O tempo de traballo: a última fronteira da igualdade de xénero. Será ofrecida por María Amparo Ballester, catedrática de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universitat de València. O acto conta co apoio da Unidade de Igualdade da UVigo.