DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O centro ourensán celebra as súas vodas de prata

Ciencias Empresariais e Turismo fai memoria de 25 anos de historia

Os seus directores e decanos lembran a súa traxectoria

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 04/04/2011
Cumprir 25 anos é sempre un acontecemento. Nunha persoa equivalen a entrar de cheo na etapa adulta. Nunha parella constitúen un fito de consolidación. Nunha institución equivalen a toda unha historia chea de feitos e protagonistas. É o caso da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense, que cumpre 25 anos. Un cuarto de século que permitiu ao centro nacer, medrar, transformarse, consolidarse e continuar medrando. Cada un dos responsables de lideralo ao longo deste tempo, Antonio Vaamonde, Dolores Rivero, José Antonio Fraiz, Luis García, Carlos Salgueiro, Terencia Silva, José Antonio Fraiz, Jesús Vázquez, José Carlos Yáñez e Elisa Alén, leva consigo un pouco da historia deses 25 anos.

Antonio Vaamonde foi, entre 1986 e 1989, o primeiro responsable do centro, que daquela se chamaba Escola de Estudos Empresariais. Lembra como entón “a Escola partía de cero, non había nin local nin profesorado nin medios. Todo era un reto naquel tempo”. Por este motivo, os seus mellores recordos daquela época foron “a inauguración do primeiro curso e a saída da primeira promoción”. Despois dos sempre duros inicios, seguiulle no cargo durante un ano a profesora Dolores Rivero, que recorda especialmente as “grandes dificultades económicas e de profesorado que tiñamos” e que lle levaron a presentar a súa dimisión.

Trala súa marcha sucedeulle no cargo José Antonio Fraiz, unha persoa fundamental para entender a historia do centro, pois foi o seu director entre 1990 e 1993, cando aínda era escola, e o seu decano entre 1998 e 2006, cando xa era facultade. Máis dunha década na que viviu a total transformación do centro e a súa consolidación. “O período máis difícil para min foi o de director de escola. Era moi novo, non tiña experiencia en xestión, a escola non estaba consolidada e a contorna social non estaba sensibilizada coa Universidade. No período de decano xa tiña moitos máis anos, incorporouse xente nova, traballadora, comprometida e con vocación de servizo público, o que facilitou configurar os distintos equipos directivos, que para min foron excepcionais” explica.

A estes equipos tocoulles liderar os retos de acadar presenza na sociedade ourensá e concienciar á cidadanía, institucións e empresas da importancia da Universidade para a cidade e a provincia de Ourense. Son moitos os recordos que ten destes anos pero de ter que salientar algún Fraiz quédase coa “concesión da Diplomatura de Turismo, quizais o momento que marcou a traxectoria ascendente da facultade”.

A internacionalización

Luis Vicente García Lloréns foi o responsable do centro entre 1993 e 1997. Lembra con cariño “as primeiras viaxes en coche que fixen para pór en marcha o programa Erasmus, co profesor Stuart a Glasgow e co profesor Carlos Salgueiro a Angers”. No seu mandato iniciouse o deseño e construción do actual edificio da facultade e “a elaboración do primeiro plan de estudos en base ao novo sistema de créditos, que por certo redactamos nunha máquina de escribir” comenta.

A García Lloréns sucedeulle precisamente o xa falecido Carlos Salgueiro, entre 1997 e 1999. Dese período Stuart McNicholls, secretario do centro naquel momento, salienta que “era unha etapa difícil, porque se achegaba a creación da facultade. Houbo retos que enfrontar e tamén estres, pero Carlos buscaba sempre a maneira de levar o seu mandato a bo porto”. Sucedeulle durante un ano Terencia Silva, que tivo que enfrontar “unha etapa de colaboración entre os membros da dirección da Escola de Empresariais que deixaba de existir e o decano comisario da Facultade de Ciencias Empresariais, José Antonio Fraiz, que xa fora creada”.

Trala segunda etapa de Fraiz, chegou o mandato de Jesús Vázquez, actual conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, que lembra especialmente os retos que supuxeron “a posta en marcha da implantación dos plans do sistema de garantía interna de calidade da facultade, previos ao EEES, os pasos previos á conversión dos graos e os primeiros pasos no grao de Turismo que hoxe se imparte no centro”. Neste proceso de internacionalización dos estudos, Vázquez tamén lembra con especial cariño as recepcións a cada quenda de estudantes do Programa Erasmus.

Nesta reforma da EEES continuou traballando o decano José Carlos Yáñez, que exerceu o seu mandato en 2008 e 2009. Sucedeulle no cargo Elisa Alén, actual decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, quen salienta “o traballo realizado por todos os que ao longo destes 25 anos asumiron a responsabilidade de guiar este centro e convertelo no que é na actualidade, un centro dinámico, integrado coa contorna socio-económica, que ofrece unha formación de calidade ao seu alumnado e que ten un gran futuro por diante”.

O venres, 8 de abril, o campus celebrará coas diferentes promocións de alumnos, docentes e traballadores este cuarto de século de historia.