DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O alumnado do centro celebrou o venres o seu acto de graduación

Ciencias Empresariais e Turismo presenta a 94 novos egresados e egresadas

Remataron os seus estudos as primeiras promocións dos dobres graos desta facultade

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Ourense 03/06/2019

O alumnado de último curso da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense celebrou o venres no Auditorio Municipal da cidade o remate dos seus estudos. Entre os 94 novos egresados e egresadas do centro homenaxeados estiveron as primeiras promocións dos dobres graos que se imparten nesta facultade.  

Concretamente, recolleron as súas bandas e diplomas ante o aplauso de familiares, amigos e membros da comunidade universitaria a VIII promoción do Grao en Turismo, formada por 36 estudantes, e a IX promoción do Grao en Administración e Dirección de Empresas (ADE), formada por 46 estudantes do Grao en ADE; dous estudantes do dobre grao ADE-Enxeñaría Informática, e dez estudantes do dobre grao ADE-Dereito. O acto contou coa participación de Miguel Ángel Michinel, secretario xeral da Universidade de Vigo; Mª Montserrat Cruz, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo; Alberto Vaquero, secretario deste centro, e Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo.

En nome do centro, Alberto Vaquero salientou ao alumnado presente como “sodes o mellor exemplo do que a Universidade de Vigo, este campus de Ourense e especialmente esta Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo poden ofrecer á sociedade”. “Onte fostes estudantes, hoxe sodes graduados universitarios e mañá formardes parte do noso futuro, dun futuro repleto de ilusión e ganas por facer realidade os vosos soños. Ese futuro é un libro en branco e hoxe acabades de escribir a vosa primeira páxina", díxolle ás e aos homenaxeados.