DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este mércores rematou o prazo para presentarse a ocupar a dirección do centro

Ciencias Empresariais e Turismo segue sen candidato a decano

O reitor da Universidade de Vigo terá que nomear de novo un equipo en funcións

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 05/12/2012
A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense comezou o curso académico 2012/2013 inmersa nas eleccións para renovar o seu equipo decanal. Ao non presentarse ningún candidato ao cargo na primeira convocatoria de eleccións, a finais de setembro, Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, encomendou ao equipo encabezado por Elisa Alén que continuase nas súas funcións e que convocase de novo eleccións antes de rematar o ano. Este mércores rematou o prazo para presentar candidaturas a esta segunda convocatoria electoral e o resultado volve a ser que queda deserto.

O ata de agora equipo decanal, que decidiu non presentarse á renovación, foi elixido en xullo de 2009 e está encabezado por Elisa Alén, decana do centro; Elena Gallego, vicedecana de Calidade e Alumnado; Patricio Sánchez, vicedecano de Implantación de Novos Graos; Ana Gueimonde, vicedecana de Ordenación Académica e Xestión Informática, e Ana Pérez, secretaria. A única variación no período en funcións foi a de Ana Gueimonde, que foi substituída por Manuel Alfredo Mosquera. Ante a ausencia por segunda vez de candidatos, a votación queda anulada e será o reitor da Universidade de Vigo o que nomee proximamente un equipo decanal provisional para a facultade, á espera de convocar novas eleccións.

Ante o feito de que de novo se peche sen propostas a convocatoria de eleccións, Elisa Alén insiste unha vez máis en animar aos membros do centro a tomar a iniciativa e asumir a dirección da facultade. “A valoración persoal e como equipo desta etapa é moi boa, tanto do traballo que realizamos coma da resposta da xente. Sen embargo, chegou o momento de que outras persoas da facultade asuman o decanato”, apuntou Elisa Alén. O esforzo persoal que supón traballar neste órgano e o feito de que practicamente todos os membros deste equipo decanal son persoal contratado da Universidade e non funcionarios, o que lles obriga a centrarse en consolidar os seus postos académicos, foron dous dos motivos principais que levaron á actual directiva a decidir non presentarse de novo.