DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Facultade amosou o seu agarimo a unha nova fornada de profesionais

Ciencias do Mar celebra a botadura da súa décimo sexta promoción

Emilio Fernández lembroulles as posibilidades que lles brinda o Campus do Mar

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 15/07/2011
Se para Galicia o mar representa parte da súa alma, para os profesionais da oceanografía o Campus do Mar vai ser parte intrínseca da súa traxectoria profesional. Coa vista posta nos progresos do Campus de Excelencia Internacional, unha nova promoción de Ciencias do Mar rematou a súa singradura este venres co seu acto de graduación. A tripulación deste barco da décimo sexta promoción está composta por 23 novos profesionais, 13 mulleres e 10 homes que foron despedidos con agarimos polos representantes do centro no que pasaron os últimos cinco anos. O director do Campus do Mar, Emilio Fernández, auguroulles un futuro prometedor respaldado pola súa excelente preparación, porque sodes “a promoción mellor preparada deste centro e porque sodes os primeiros titulados dunha Universidade cun campus de excelencia único en España centrado do mar”. Neste sentido lembroulles que está aberta unha convocatoria de bolsas de posgrao do Campus do Mar ata o vindeiro día 29 e que en breve estará á súa disposición “unha plataforma dixital de emprego centrada tamén no mar”.

Pero non só Vigo é mar, e tanto Emilio Fernández como o padriño da promoción, o profesor Pedro Besada, recomendáronlles aos novos egresados que abran os seus horizontes e que “se coman o mundo” porque por todo o mundo hai oportunidades “se se está ben formado”.

Sobre a necesidade de seguir formándose incidiron tamén as autoridades, entre elas o presidente da Asociación de Oceanógrafos de Galicia, Jorge de los Bueis, que lles recomendaron aos novos titulados que presten atención “á formación continua”, porque a formación é o marca a diferencia “nesta nova economía do coñecemento” explicaba Emilio Fernández, que os convidou a manter “unha tensión intelectual continua”. Neste sentido, tanto o decano do centro, Jesús Souza Tronoso como o presidente da Asociación de Amigos e Antigos Alumnos da Universidade de Vigo, José Mª Franco, avogaron por manter a relación coa universidade ao longo da vida, xa como “alumne”, unha figura moi común nas universidades anglosaxoas ou ben a través das asociacións de antigos alumnos.

A Universidade e a cidade do mar

O alcalde Abel Caballero, debuxou un panorama dunha cidade a unha comarca que os agarda cos brazos abertos, unha cidade centrada no mar, co primeiro porto de pesca para consumo humano do mundo, cunha Universidade do mar, con múltiples empresa do sector e con centros de investigación como Instituto Español de Oceanografía, cuxo director, Valentín Trujillo, foi outro dos convidados ao acto. Caballero tamén ques lembrou que queda moito por coñecer do mar e iso implica un futuro esperanzador para estes 23 novos oceanógrafos.

De cara a esta nova etapa laboral, o padriño da promoción recomendoulles “ser dinámicos e buscar traballo, abrir horizontes e ser ambiciosos, deixar de lado o conformismo e esforzarse; aquí tedes a vosa casa e estamos todos moi orgullos de vós, como agardamos que o esteades vos de ter estudado na Universidade de Vigo”.

Os egresados tamén tiveron oportunidade de despedirse desta etapa universitaria e foron Mª Isabel García Ibáñez, Ruth Martínez Lamas e Ivan Orosa Rodríguez, os encargados de entregar agasallos ao padriño e á secretaria do centro, así como da orla ao decano, tras recoller as súas bandas e diplomas que os acreditan como oceanógrafos.