DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Incorpóranse ao mercado laboral 20 novos profesionais especialistas en xestionar o medio mariño

Ciencias do Mar puxo o colofón aos actos de graduación deste curso

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 23/07/2012
“Gran parte do futuro da humanidade está no mar, vós sodes os futuros profesionais que ides xestionar o medio mariño e estades capacitados para mirar a todos os frontes”. Así de optimista se dirixiu Jesús Souza Troncoso, decano da Facultade de Ciencias do Mar, aos 20 novos egresados que o venres celebraron o seu acto de graduación, o último deste curso. Desde o Campus do Mar, Emilio Fernández e Elsa Vázquez, sumáronse ás felicitacións, parabéns que chegaron tamén dende o Instituto de Investigacións Mariñas CSIC, a Asociación de Oceanógrafos de Galicia, e, sobre todo, do profesor Miguel Ángel Correa Duarte, padriño da promoción, e dos numerosos pais, amigos, profesores e familiares que acudiron a unha máis que esperada cita.

A piques de iniciar unha nova etapa, nun intre complicado debido ás difíciles circunstancias actuais, “estades sobradamente preparados para resolver os problemas aos que vós ides enfrontar”, subliñoulles o padriño, ao tempo que lles lembrou a importancia e mérito que ten ter chegado a este punto da súa carreira, “debedes saber valoralo e estar orgullosos de telo acadado”.

“Nunca anquilosarse”

Foi tamén un intre para escoitar algún que outro consello, o máis importante: non deixar nunca de aprender e formarse. “Seguir sempre estudando e formándovos, nunca anquilosarse”, insistiu o decano, “abrídevos ao mundo, as oportunidades ás veces están un pouco lonxe, pero traballando moi duro seguro que atopades a vosa recompensa”, ao que engadiu que hai que mirar sempre adiante con optimismo, agudizar o enxeño e “buscar as oportunidades que si que están aí agardando por unha boa idea”.

Dámaso Martínez e Adolfo Ventero, en nome dos egresados, lembraron no acto, cinco anos de anécdotas, de saídas de campo, de encontros e desencontros... vividos nunha carreira a que se referiron como “multidisciplinar, grazas a cal coñecemos o mar desde todos os puntos de vista posibles”.