DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor Alessandro Soares da Silva impartiu unha conferencia sobre liderado político

Ciencias Sociais e da Comunicación coñece como Lula cambiou a “conciencia política” do Brasil

Durante o seu mandato, reduciuse en 28 millóns o número de persoas en situación de pobreza

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI 27/01/2014

Durante os sete anos de mandato de Luis Inácio da Silva, Lula da Silva, como presidente, 28 millóns de brasileiros e brasileiras deixaron de vivir en situación de pobreza neste país, destaca o profesor da Universidade de Sao Paulo Alessandro Soares da Silva, que este luns analizou na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación o liderado do ex-presidente do Brasil e da súa sucesora, Dilma Rouseff. As políticas sociais levadas a cabo por Lula entre 2003 e 2010, sumadas ao crecemento da economía, supuxeron un “cambio importante” para o país e mesmo contribuíron a unha “transformación da propia conciencia política da cidadanía”, na opinión deste profesor de Psicoloxía Política.

“No ano 2010, cando abandona a Presidencia, a xestión de Lula tiña un índice de aprobación do 86%, maior que a do seu primeiro mandato”, destaca Soares da Silva, que lembra como “cando chegou ao poder, dicíase que a estabilidade económica que se lograra cos gobernos de centro-dereita íase perder”. Pero “Brasil creceu economicamente e pasou a ser un país de clase media en niveis de renda”, sostén este profesor da Universidade de Sao Paulo, que lembra que 45 millóns de persoas vivían en Brasil baixo o albor da pobreza no ano 2003. De aí que fixese énfase na importancia que tiveron as políticas sociais do ex-presidente, que anteriormente eran “basicamente asistenciais” e que na súa etapa pasaron a “estar vinculadas á educación e a un proceso de inserción no mercado laboral”. Así mesmo, Soares da Silva puxo tamén o acento no impulso, durante os mandatos de Silva e Rouseff, da educación como un factor para o “desenvolvemento social, económico e tecnolóxico do país” na súa conferencia O liderado político en Brasil: De Lula a Dilma.

Soares da Silva estivo acompañado polo decano de Ciencias Sociais e da Comunicación, Juan Manuel Corbacho, e polo profesor Álvaro Xosé López Mira na que foi a conferencia inaugural do segundo cuadrimestre no grao en Xestión e Dirección Pública, trala que se desenvolveu unha charla sobre a implantación da dobre titulación internacional, que permite ao alumnado desta carreira obter un título oficial recoñecido tanto en España como en Brasil. A este respecto, Corbacho destacou a importancia dunha iniciativa que no presente curso trouxo ata Pontevedra a seis estudantes da Universidade de Sao Paulo, “unha das institucións académicas de referencia de América Latina e do mundo”.

O home que gañou as eleccións ao cuarto intento

Tras analizar os principais momentos desde o punto de vista económico da historia recente do Brasil, Soares da Silva centrou o seu relatorio en abordar como Lula da Silva logra alcanzar a Presidencia da República na súa cuarta participación nunhas eleccións como candidato do Partido dos Traballadores. “Lula é un torneiro mecánico, unha persoa que militou no movemento obreiro e que comandou as folgas que forzaron a apertura democrática, que é cando se constrúe a súa imaxe de gran líder”, explica este profesor de Psicoloxía Social. Non obstante, non sería ata o momento no que “cambia de estratexia e de discurso e se aproxima á xente de centro-esquerda, cando logra superar o teito electoral do seu partido e alcanzar a Presidencia", resalta Soares da Silva.

A candidata de “perfil técnico”

A capacidade de Lula da Silva para contar cunha “gran base parlamentaria, que ía da dereita á esquerda” viuse ampliada, na opinión deste profesor, pola súa sucesora, Dilma Rouseff, que en 2003 entrou no Goberno “cun perfil técnico, como ministra de Minas e Enerxía, un sector extremadamente masculino, no que fai un moi bo traballo”. A súa posterior labor como xefa do Gabinete da Presidencia dálle á actual presidenta “todas as armas para dar continuidade ás políticas de Lula”, na opinión de Soares. Mais, a imaxe que se lle atribúe dunha “personalidade máis dura” e o “machismo que aínda existe no Brasil” levan a que Rouseff sexa presentada “como a nai do país na campaña de 2010", engade o conferenciante, que resalta tamén o papel protagonista que, trala súa elección, a actual presidenta outorgou ás mulleres no seu Goberno.