DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través das xornadas ‘Master Class Audiovisual Galego AUGAL 2011-2012’

Ciencias Sociais e da Comunicación convértese nun escaparate "de referencia" do cinema galego

O programa conta cunha forte presenza de produtoras e directoras femininas

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 29/11/2011

O público pontevedrés xa conta con unha nova sala de cine na que poder ver producións feitas en Galicia. Trátase da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, que por segundo ano consecutivo, acolle o Master Class Audiovisual Galego AUGAL, proxecto promovido polos profesores Anna Amorós e Miguel Anxo Fernández co apoio do Consorcio Audiovisual de Galicia. As xornadas inclúen a proxección de oito pezas de produción galega de diferente natureza que serán presentadas polos seus propios directores, produtores e guionistas. “AUGAL tradúcese nunha excelente oportunidade para o alumnado e para a sociedade en xeral de poder achegarse a outro tipo de cine que non se ofrece nas carteleiras habituais”, comentou Juan Corbacho, decano da facultade, durante a presentación do programa.

Ademais de facilitar o acceso a traballos que as grandes salas de cine tenden a non incluír nas súa programación, AUGAL demostra “a existencia dunha realidade audiovisual galega que ten aínda dificultades, pois queda moito por amosar”, explicou o profesor Miguel Anxo Fernández, ademais de brindar “apoio e promoción ao cinema galego”, engadiu Anxo Quintanilla, xerente do Consorcio Audiovisual de Galicia. Por outra banda, tal como explicou Fernández, este ciclo de proxeccións naceu co obxectivo de consolidar a facultade como un dos referentes do audiovisual galego, “converténdose no seu espello e altofalante", puntualizou Corbacho, achegando o centro á cidadanía e “aproveitando para que coñezan o que se fai de paredes cara dentro e dar así proxección ás titulacións”.

Oito producións audiovisuais con forte presenza feminina

A profesora Anna Amorós salientou a gran presenza feminina nesta nova programación de AUGAL, “un sinal de identidade” do audiovisual galego actual. “Contarase cun total de sete mulleres, produtoras ou directoras, que están moi abandonadas nas carteleiras dos festivais audiovisuais”, precisou Amorós.

As xornadas comezarán no mes de decembro e prolongaranse ata o vindeiro mes de maio, cunha proxección un martes de cada mes, a excepción de xaneiro, incluíndo unha peza de cada un dos formatos máis habituais. Así, AUGAL 2011-2012 comeza o próximo martes 20 de decembro co documental Tralas Luces, presentado pola súa directora Sandra Sánchez e a súa produtora Fernanda Del Nido. O segundo pase está programado para o 7 de febreiro co filme de ficción Crebinsky, contando coas intervencións do director Enrique Otero e do guionista e actor Miguel de Lira. Para o martes 6 de marzo, Digna Rabia, documental que será explicado polos seus autores, os profesores Ángel Rodríguez e Victoria Martins.

O vindeiro 27 de marzo haberá sesión tripla, coa proxección da videocreación Os fabulosos irmáns da luz, da obra experimental Cousas do Kulechov e da curtametraxe Gato Encerrado, pezas creadas por Olaia Sendón e Susana Rey. A cita coa animación queda reservada para o 17 de abril con Arrugas, presentada polo produtor Manuel Cristóbal e polo guionista Ángel de la Cruz e pechará o programa AUGAL o documental Banaras Me, o 8 de maio, introducido polo seu autor, David Varela, e por Lola Martínez, produtora.

Inscrición e matrícula

A matrícula nestas xornadas poderase realizar a partir deste xoves 1 de decembro a través do correo electrónico formacion@consorcioaudiovisualdegalicia.org a onde é necesario enviar os datos persoais para que quede rexistrada a inscrición. O número de prazas é limitado ata completar o aforo do salón de graos Xan Bouzada da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. O alumnado inscrito recibirá un diploma de asistencia outorgado polo Consorcio Audiovisual de Galicia, ademais dun crédito de libre configuración.

Os coordinadores de AUGAL tamén presentaron a próxima publicación dun catálogo no que se recollerá unha colección de fotografías dos profesionais que pasaron polas xornadas realizada polos profesores Carlos Soutelo e Jorge Lens. “Cun estilo moi artístico queremos reflectir sensacións de movemento en homenaxe ao audiovisual, pero na imaxe fixa”, comentou Lens.