DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor nomeou en funcións ao equipo actual co compromiso de fixar comicios antes de xullo

Ciencias Sociais e da Comunicación convocará novamente eleccións a decano antes de catro meses

Buscarase unha candidatura de consenso no caso de non presentarse iniciativas particulares

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
E.L. Castro DUVI 05/03/2010

A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación permanecerá co mesmo equipo decanal ata unha nova convocatoria de eleccións, que deberá fixarse antes de catro meses. Logo de pecharse o último proceso electoral sen candidaturas, o reitor da Universidade, Alberto Gago, vén de nomear en funcións ao actual equipo, co compromiso de convocar comicios antes de xullo deste ano. Queda así á fronte do centro Fortunato Rodríguez Fernández como decano accidental en funcións, ata a reincorporación de Xulio Pardellas, de baixa por razóns médicas. Na composición restante só se rexistra unha modificación con respecto da anterior, pola que Juan Manuel Corbacho substitúe a Paulino Pérez como vicedecano de Alumnado. O equipo complétase con Aurora García González, vicedecana de Calidade e Profesorado; Celso Cancela Outeda, vicedecano de Organización Académica; e Ana Isabel Dopico Parada, secretaria da facultade.
Xa no anterior proceso electoral, celebrado en marzo de 2009 e no que a única candidatura presentada polo profesor Pedro Pablo Gutiérrez non acadou o apoio necesario, o reitor tivo que nomear como decano en funcións ao profesor máis veterano do centro, Xulio Pardellas.

Traballo para un acordo frutífero

En palabras do actual decano accidental en funcións, Fortunato Rodríguez, “esta é unha situación complicada para a facultade e non se pode permitir que continúe con equipos decanais non consolidados”. O centro suma un ano con equipos en funcións e a finais de xuño sumaría 15 meses, polo que o seu obxectivo pasa agora por marcar a nova convocatoria "como moi tarde para o mes de xuño" e chegar a ela cunha candidatura consensuada no caso de non presentarse ningunha iniciativa particular.
Rodríguez quixo salientar que xa na anterior convocatoria estiveron “a punto de alcanzar esa candidatura de consenso”, polo que afirma que agora seguirán traballando nesa liña e confía en que se chegará a un “acordo frutífero” de cara aos vindeiros comicios. “A responsabilidade da xente da facultade fará que esta situación non continúe e eu confío en que acadaremos ese acordo”, sinalou ao respecto. Así mesmo, o decano accidental en funcións subliñou que está disposto a abrir o proceso electoral en calquera momento, polo que o fará de inmediato se alguén se dirixe ao decanato “cunha candidatura sólida” antes de xuño.