DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dá resposta á elevada demanda deste tipo de profesionais "altamente especializados"

Ciencias Sociais e da Comunicación estrea un máster pioneiro en Dirección de Arte Publicitaria

Iniciou as clases, con todas as prazas de matrícula cubertas, e un equipo de profesorado "de luxo"

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
DUVI 16/09/2010

A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación estrea este curso un novo mestrado dentro da súa oferta docente. O Máster en Dirección de Arte Publicitaria iniciou andadura este xoves da man de Daniel Tena, profesor titular da Universidade Autónoma de Barcelona e persoa de referencia no ámbito da creatividade. El foi o responsable de impartir a primeira clase dun novo mestrado no que deseño, imaxe e creatividade serán os principais puntais. A esta cita asistiron tamén a secretaria do posgrao, a profesora Emma Torres, e o presidente executivo de BAP Conde, Miguel Conde, docente ao tempo que patrocinador do novo mestrado.

A implantación do Máster en Dirección de Arte Publicitaria dá resposta á falta de mestrados especializados no ámbito publicitario en Galicia e, máis en concreto, no deseño e creatividade. Como apuntou Emma Torres, “estamos ante un mestrado moi innovador, agás a formación que se aporta na Escola Elisava de Barcelona, non existe outro posgrao con características específicas neste país”. O obxectivo final é “formar profesionais de calidade” que poidan desenvolver labores de creativo, redactor publicitario, produtor, realizador ou director de arte nas axencias de publicidade.

A dirección de arte é un dos pasos máis importantes do proceso publicitario. Como explicou Daniel Tena, “é o que permite visualizar e impacta nos receptores, é o que fai realidade a estratexia pensada” de aí o grande interese que o posgrao acadou entre o estudantado pois cubriu nun período moi curto as 35 prazas dispoñibles. En palabras da secretaria do mestrado, “ vai contar cos mellores profesionais e docentes do país no ámbito da creatividade o que suporá a creación de un foro especial de encontro e intercambio de experiencias”, favorecido pola presenza das titulacións de Publicidade, Comunicación Audiovisual e Belas Artes.

A finalidade do Máster en Dirección de Arte Publicitaria, ademais de formar “comunicadores fortes”, será “que se empece a ver a publicidade como un elemento cultural máis, como un elemento de dinamización social decisivo”, tal como destacou tamén Miguel Conde.

Planificación académica

O mestrado, cun plan de estudos profesionalizante, é de carácter presencial e conta con un total de 60 créditos, dos cales 33 se corresponden con materias obrigatorias, 9 de materias optativas, 6 de prácticas externas e 12 do traballo fin de mestrado. De periocidade anual, a súa formación académica comezou este xoves e prolongarase ata o vindeiro mes de maio.