DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este mércores o centro acolleu unha xornada sobre esta temática

Ciencias únese á conmemoración do Día da Seguridade Alimentaria

Entre os aspectos abordados estivo a persistencia microbiana

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 22/11/2017

Este ano, a Asociación Española de Licenciados, Doutores e Graduados en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos puxo en marcha a celebración o 17 de novembro do Día Nacional da Seguridade Alimentaria co obxectivo de que a cidadanía "dispoña e entenda de forma coloquial e amena información sobre procesos alimentarios, normas, recomendacións ou aspectos científicos de aplicación cotiá neste eido". Uníndose a esta conmemoración, a Facultade de Ciencias do campus de Ourense acolleu este mércores a Xornada Seguridade Alimentaria 2017.

Información beneficiosa para todos

As profesoras Mª Inmaculada Franco e Sidonia Martínez foron as organizadoras desta cita no marco da actividade da Área de Tecnoloxía de los Alimentos e do Programa de Doutoramento en Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria. Na presentación das xornadas, as investigadoras lembraron como a celebración deste día pretende ser un evento multidisciplinar de carácter anual en todo o territorio español “que permita facer chegar ao consumidor final información accesible, de fácil entendemento e veraz sobre aspectos básicos e aplicables ao seu día a día sobre a seguridade dos alimentos”. A idea de levar a cabo esta xornada, destacaron, xorde pola consideración de que “sen dúbida, unha maior formación en materia básica de seguridade alimentaria é beneficiosa para todos, para o sector empresarial, para os profesionais e para os futuros profesionais como os formados nesta Facultade de Ciencias nos graos en Ciencia e Tecnoloxía de Alimentos, Enxeñaría Agraria ou no Programa de Doutoramento en Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria”.

O acceso a alimentos seguros e nutritivos, recóllese na declaración do Día Nacional da Seguridade Alimentaria, “é un dereito fundamental do individuo segundo a Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación, e a Organización Mundial da Saúde”, facendo referencia o concepto de seguridade alimentaria ao uso de distintos recursos e estratexias para asegurar que todos os alimentos sexan seguros para o consumo. Tendo en conta estas cuestión e o feito de que nos países desenvolvidos os principais problemas de seguridade alimentaria relacionanse con deficiencias na produción, manipulación ou conservación dos alimentos, a xornada celebrada en Ciencias este mércores abordou cuestións como a persistencia microbiana, a seguridade alimentaria na UE e o control da cadea alimentaria.

Persistencia microbiana e outros temas

Deste xeito, a programación arrancou cunha conferencia sobre a persistencia microbiana e o reto que supón para a industria alimentaria cunha conferencia de Avelino Álvarez, profesor da Área de Tecnoloxía dos Alimentos da Universidade de León e experto externo do panel sobre riscos biolóxicos (Biohaz) da Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria. O experto comezou definindo a persistencia microbiana como a capacidade de algúns microorganismos para colonizar e sobrevivir durante longos períodos de tempo (que poden ser anos) nun determinado nicho ambiental. Tendo en conta esta definición e tomando como referencia diferentes proxectos de investigación nos que ten participado arredor deste tema, Avelino Álvarez explicou aspectos como a problemática que supón para a industria de procesado de alimentos esta persistencia microbiana en ambientes e equipos, as vías de transmisión aos alimentos e a súa contaminación. Entre outros casos, expuxo o da listeria monocytogenes, causante da listeriose, da que salientou aspectos como que as súas cepas poden manterse no ambiente durante 12 anos.

A xornada completouse cunha conferencia sobre seguridade alimentaria na Unión Europea a cargo de Miguel Prieto, catedrático da Área de Nutrición e Bromatoloxía e Director do Instituto de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos da Universidade de León, e outra sobre o control oficial da cadea alimentaria a cargo de Mª Rosa Urdiales, directora da Axencia de Sanidade Ambiental e Consumo do Principado de Asturias.