DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As proxeccións iniciaranse o vindeiro día 21 de setembro

Ciencias Xurídicas estreará con Gilda un innovador ciclo no que une Cine e Dereito Mercantil

A primeira sesión contará coa presenza do expresidente da Comisión Nacional da Competencia, Luis Ber

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
D. Besadío DUVI 11/09/2012
Gilda, La red social, El dilema, El Soplón… son algún dos títulos que poderán visionar as persoas que se matriculen no 1º Ciclo de Cine e Dereito Mercantil, unha iniciativa posta en marcha desde a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo coa idea de darlle ao alumnado e a todas as persoas interesadas nesta temática a posibilidade de achegarse a contidos xurídicos, específicos do dereito mercantil, a través de coñecidas obras cinematográficas.

Cunha periodicidade mensual, a excepción dos meses que coincidan con convocatoria de exames, cada filme permitiralle aos asistentes achegarse a esta rama do Dereito “desde unha perspectiva moi distinta á tradicional”, subliña o profesor Pablo Fernández Carballo-Calero, director do ciclo, que explica que a idea xurdiu porque nunca antes se tiña feito unha actividade deste tipo centrada no eido do Dereito Mercantil, “é máis frecuente, por exemplo, conectar o cine e o Dereito Penal”, especificou o director da actividade facendo así fincapé na novidade da proposta.

Cada sesión iniciarase coa presentación do filme a cargo dun experto en cine e, a continuación, un especialista en Dereito exporá os aspectos xurídicos claves abordados durante a trama. Despois exporase a película e, finalmente, abrirase o coloquio entre os poñentes e os asistentes, que van ter “a oportunidade de escoitar e debater con profesores universitarios de primeiro nivel”.

Defensa da competencia, propiedade intelectual...

O ciclo iniciarase o vindeiro día 21 coa proxección de Gilda, un clásico dirixido por Charles Vidor e protagonizada por Rita Hayworth e Glenn Ford. Estreada no 1946, no argumento xoga un papel destacado o monopolio do tungsteno ou Wolframio, material de importancia estratéxica durante a Segunda Guerra Mundial, “o que dá pé a explicar cuestións relativa ás prácticas monopolísticas”, subliñan dende a organización.

Para abordar esta temática contarán con dous poñentes “de excepción”: o expresidente da Comisión Nacional da Competencia, Luis Berenguer, e o catedrático de Historia do Cine da Universidade de Santiago de Compostela, José Luis Castro de Paz.

Na seguinte cita, o 26 de outubro, a proxección de La red social servirá de escusa para analizar un dos fenómenos sociais do novo século, a invención de Facebook, e diferentes cuestións relativas á temática da propiedade intelectual.

Matrícula aberta

Con preto de 50 persoas inscritas, a matrícula seguirá aberta ata o vindeiro día 20, só un día antes do inicio da primeira sesión. O importe da inscrición é de 30 euros para o alumnado da Universidade de Vigo, parte do cal pode optar a créditos de libre elección, e de 45 euros para o resto de persoas interesadas.

Esta actividade enmárcase no proxecto de investigación A reforma do dereito da competencia: defensa da competencia, competencia desleal e publicidade, financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade e a Xunta de Galicia.