DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ata o 2 de marzo está aberta unha votación popular para elixir o nome deste galardón

Ciencias Xurídicas e do Traballo lanza un premio de Investigación xurídica en lingua galega

Destinado a estudantes de grao e mestrado de calquera universidade do estado

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Lingua Galega
  • Investigación
M. Del Río DUVI 08/02/2022

A Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo está inmersa no proceso de creación dun Premio de Investigación xurídica en lingua galega, unha iniciativa aberta ao alumnado que pretende fornecer o proceso de dinamización lingüística da Universidade e fomentar o emprego da lingua nos traballos de investigación xurídica. O prazo para presentar as propostas xa está aberto pero, paralelamente, o centro está a buscar un nome para este galardón. Para facelo, dende a Coordinación de normalización e política lingüística da facultade apostaron por abrir unha votación popular para que a comunidade universitaria sexa quen elixa entre tres destacados xuristas: Roberto González Pastoriza, Xosé Lois Franco Grande e Fermín Bouza Brey.

A posta en marcha deste premio xorde da Coordinación de normalización e política lingüística da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, da que é responsable o profesor e vicedecano Xosé Manuel Pacho, e faino “dentro do marco normativo institucional que protexe a lingua galega a través da Constitución do Estado, do Estatuto de Autonomía de Galicia, así como da Lei de Normalización lingüística e dos propios Estatutos da Universidade de Vigo, que sinalan que esta é a lingua propia da Universidade”. O galardón está aberto calquera persoa que estivese matriculada durante os cursos 2019-2020, 2020-2021 e neste 2021-2022 nunha titulación de calquera das universidades do Estado. O prazo de presentación dos traballos, que deberán ser individuais, finalizará o día 20 de abril de 2022. Estableceranse dúas modalidades, unha para o estudantado en xeral do sistema universitario e outra para o da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, cada unha delas dotada de 400€. O xurado do premio estará integrado polo decano da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, que o presidirá, polo profesor Pacho, como coordinador de normalización lingüística da facultade, e por un máximo de tres membros do claustro deste centro. Esta comisión avaliará os traballos atendendo á calidade investigadora, ao interese do tema a tratar, ao enfoque empregado e á corrección lingüística. 

Tres persoeiros do mundo xurídico para dar nome ao premio

Tratándose un galardón novo, a Facultade de Ciencias Xurídica e do Traballo tamén precisa de bautizalo cun nome. Unha urna na conserxaría do centro recollerá os votos de todas aquelas persoas que queiran participar no proceso de elección no nome do premio e para o que poderán elixir entre “unha terna de nomes vencellados á cultura galega e ao dereito: Roberto González Pastoriza, Xosé Lois Franco Grande e Fermín Bouza Brey”. Dende o centro tamén recalcan que “por razóns da histórica discriminación da muller na sociedade non se conta nesta terna con xuristas recoñecidas, agardando que no futuro esta eiva poida ser superada”.

Os tres nomes propostos son relevantes persoeiros do eido xurídico. Para coñecelos, Pacho decidiu deseñar cadansúa ficha biográfica para que os membros da comunidade universitaria poidan elixir coñecendo previamente a súa traxectoria profesional e vital. 

Por exemplo, Roberto González Pastoriza, nado en Moaña en 1898, foi un destacado avogado e político galego. Licenciouse en Dereito en 1920, comezou traballando no despacho do avogado Gregorio Espino ata que abriu en 1927 o seu propio. Tras o golpe de Estado de 1936 defendeu a políticos como o alcalde Martínez Garrido. Exerceu como letrado da Caixa de Aforros de Vigo e da Unión de Entidades Viguesas e formou parte da comisión promotora do Colexio de Avogados de Vigo. Tamén foi moi activo como articulista en xornais como Faro de Vigo, La Noche ou El Pueblo Gallego e estivo firmemente comprometido co galeguismo e a lingua, chegando a colaborar na redacción do Proxecto de Estatuto de Autonomía para Galiza no ano 1936.

Outro dos persoeiros propostos é Xosé Lois Franco Grande. Naceu en Tomiño en 1936 e, tras licenciarse en Santiago, afincouse en Vigo, onde exerceu a avogacía e foi xefe da Asesoría Xurídica de Caixa Vigo. Foi tamén membro da Real Academia Galega da Lingua e publicou numerosos artigos e traballos sobre diferentes figuras da cultura galega e colaborou con diferentes medios de comunicación como La Voz de Galicia, La Noche, Ínsua, Grial, etc. Tamén formou parte do consello de Editorial Galaxia e destacou como escritor, tanto de poesía como de teatro, aínda que unha das súas obras máis coñecidas é o Dicionario de galego-castelán publicado en 1968, que se converteu nun instrumento fundamental para a recuperación da lingua galega, tras a prohibición durante o franquismo, e que vendeu máis de cincocentos mil exemplares.

A terceira opción para bautizar este premio é Fermín Bouza Brey, nado en Ponteareas en 1901. Como explican dende a facultade, foi un xurista e intelectual que dedicou os seus esforzos á investigación no campo da etnografía, da arqueoloxía e da literatura, deixando numerosos traballos difundidos en publicacións diversas. Ademais de ser licenciado en Filosofía e Letras, tamén se titulou en Dereito na USC, obtendo o Premio Extraordinario no ano 1924. Exercía como xuíz na Estrada durante o golpe de estado de 1936 e, posteriormente, en 1943 foi trasladado a Santiago como xuíz de Primeira Instancia e Instrución. Tras pasar por Lugo, Pontevedra e Lleida, en 1949 foi designado para a Audiencia Territorial de Oviedo. En 1955 foi separado da carreira xudicial e centrouse en exercer a avogacía en Santiago ata o seu falecemento. Colaborou coa Real Academia Galega, na que ingresou no ano 1941, e co Seminario de Estudos Galegos e en 1992 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.