DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus rende homenaxe a Marie Curie a través das investigadoras Mª Tarsy Carballas e Mª Inmaculada

Científicas, mulleres e extraordinarias

O acto pechou as xornadas do Grupo de Termofísica 'A Química, unha ciencia básica'

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 07/06/2011
Son persoas cunha apaixonante traxectoria profesional e persoal. Son científicas sobresaíntes nas súas respectivas áreas de traballo. Pero tamén son mulleres que tiveron que rachar moitas barreiras sociais para ocupar o lugar que lles correspondía. Trátase de María Tarsy Carballas e María Inmaculada Paz Andrade, dúas das máis destacadas científicas galegas que este martes se achegaron ao campus de Ourense para participar nunha homenaxe a Marie Curie, figura central da celebración este ano do Ano Internacional da Química.

A homenaxe pechou as xornadas divulgativas A Química, unha ciencia básica, organizadas polo Grupo de Termofísica da Universidade de Vigo co gallo desta conmemoración internacional. O acto, que tivo lugar no Edificio Politécnico do campus, contou coa presenza de María Lameiras, vicerreitora do campus; Mª Victoria Jato, vicerreitora de Investigación e Transferencia do campus; Emilio Atrio, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo; Inmaculada Valeije, secretaria xeral da Universidade de Vigo; Francisco Rodríguez, alcalde de Ourense e os organizadores da xornada, Luis Romaní e José Peleteiro.

María Lameiras daba comezo á homenaxe coa descuberta dunha placa co novo nome do salón de actos do Edificio, que pasa a chamarse Marie Curie, en homenaxe á científica de orixe polaca “que tanto destacou nun momento no que a presenza das mulleres na ciencia era marxinal”. Un recoñecemento que, quixo salientar, “é para todas as mulleres que ao longo da historia amosaron o seu compromiso coa ciencia e a sociedade”. A vicerreitora do campus tamén fixo lectura dunhas palabras de dedicatoria escritas especialmente pola Premio Nobel de Química Ada Yonath para a Universidade de Vigo co gallo desta homenaxe. Nelas, Yonath, referíndose a Curie, di "grazas pola túa inspiración e por amosar que a ciencia non depende do xénero". Na mesma liña, Emilio Atrio quixo salientar que “Marie Curie é do máis extraordinario que houbo no mundo científico, con descubertas tan decisivas como a radiactividade”.

O percorrido

Trala inauguración oficial chegou a quenda das científicas galegas, María Tarsy Carballas, doutora do Consejo Superior de Investigaciones Científicas en Galicia e primeira muller da Academia de Farmacia de España, e María Inmaculada Paz Andrade, catedrática emérita Ad Honorem da Universidade de Santiago de Compostela. Dúas mulleres xa xubiladas que acumulan tras de si unha dilatada traxectoria que as converten en testemuñas extraordinarias do que foron os alicerces da ciencia en Galicia e da incorporación da muller a ela.

Paz Andrade foi a encargada de debullar a vida de Marie Curie, premiada dúas veces co Nobel, en Física e en Química, muller, nai e sogra de Premios Nobel e cun percorrido vital moi intenso. Antes da súa conferencia, a científica galega foi presentada por un dos seus discípulos, o catedrático Luis Romaní, que salientou no seu dilatado curriculum que “o máis notable de Mª Inmaculada é que nunha época moi difícil, onde case non había investigación e moito menos feita por mulleres, ela non só fixo investigación senón que se atreveu a saír ao estranxeiro e marcou un camiño aos seus discípulos”.

Para amosar ese difícil camiño, María Tarsy Carballas fixo un percorrido pola súa traxectoria persoal “como representación das mulleres investigadoras da miña época”. Ese percorrido comezou nunha escola rural con dúas excelentes mestras, continuou en Lugo facendo o Bacharelato, cuaxou na Universidade de Santiago, onde colleu “o virus da investigación”, e culminou no seu traballo no CSIC, ao que estaría vinculado toda a súa vida profesional. No seu repaso por este camiño, un recoñecemento para o tesón das familias e a loita contra os condicionamentos que supoñían entón as diferenzas campo-cidade, riqueza-pobreza e home-muller.