DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na apertura do Máster en xestión do desenvolvemento sostible

O científico José Manuel Moreno explica no campus a problemática do cambio climático

Coordinou un informe realizado por 400 científicos españois sobre o tema

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
D. Besadío DUVI 01/10/2009

Os estudantes do Máster en xestión do desenvolvemento sostible, que hoxe iniciou unha segunda edición, comezaron curso cun profesor de excepción, ao que o propio reitor Alberto Gago se referiu coma “un dos maiores expertos neste país en temas de cambio climático”. José Manuel Moreno Rodríguez, director do Departamento de Ciencias Ambientais da Universidad de Castilla La Mancha, achegou na súa intervención parte dos resultados do informe que el mesmo coordinou e que realizaron 400 científicos españois sobre os impactos do cambio climático.
Entre as principais conclusións deste informe o científico español, membro do Grupo II do Panel Intergubernamental de Expertos en Cambio Climático, IPCC, destacou que “o quentamento do sistema climático é inequívoco, como o evidencian as observacións de ascenso mundial da temperatura do aire, así como dos océanos, o derretemento xeralizado de neve e xeo e o ascenso mundial do nivel do mar”.
Todas estas evidencias achegadas polo científico español son, segundo destacou, aspectos que non van quedar nos foros de discusión científica, senón que “as consecuencias estanse xa a sentir na vida cotián de todos os cidadáns e isto verase acentuado co devir dos anos”.
Como exemplos claros de que o cambio climático nos afecta a todos, Moreno sinalou a ola de calor que se sufriu Europa no ano 2003, causante de numerosas mortes, ou os inevitables cambios que xa se están a observar no cultivo de alimentos, que levarán a que en moitas zonas queden sen colleitas e noutros se comece a producir especies que ata ese momento non era posible producir. A modo de explicación das súas afirmacións, sinalou como en zonas do centro de Europa os agricultores xa tiveron que aumentar o tamaño dos silos porque coa mesma extensión do terreo se incrementou a produción, mentres que noutros lugares as colleitas se ven enormemente reducidas ou “simplemente desaparecen por unha ola de calor nun momento inoportuno”. “As rías galegas, por exemplo, son outros dos lugares onde os efectos dos cambios tamén se van deixar sentir”, engadiu ao tempo que lembrou que “a concentración atmosférica de dióxido de carbono e metano en 2005 supera con creces a observada nos últimos 650.000 anos”.

25 novos estudantes nun máster público pioneiro en España

Esta conferencia sobre a problemática do cambio climático serviu tamén de peche da 1ª edición dun máster “co que a Universidade fai realidade unha demanda que a sociedade nos viña facendo nos últimos anos”, subliñou o reitor, quen recalcou que se trata “dun auténtico reto para a universidade española, xa que por primeira vez nos unimos empresa e administración para colaborar na formación especializada dos nosos estudantes, coa ambición de facelo ben e a prezo público”.
Se o curso pasado foron vinte os estudantes que elixiron este camiño para a súa especialización, neste ocasión a cifra ascende a vinte e cinco, o número máximo de estudantes que se admite neste tipo de titulación. “Estamos moi satisfeitos co devir do máster, tanto no que foi a primeira edición, como coa expectativa que xerou nesta segunda convocatoria”, sinalou o catedrático Xavier Labandeira, coordinador do mestrado e o único economista español en participar nas reunión do Grupo Intergubernamental sobre Cambio Climático.
O carácter multidisplinar do máster vese tamén no perfil de matriculados que, chegados tanto de diferentes procedencias nacionais como de América Sur, proveñen de titulacións tan distantes como Ciencias do Mar, Enxeñaría Industrial, Dereito, Historia ou Química. “Parabéns a todos por elixir unha especialización nun ámbito de coñecemento moderno e diferenciado que vos dará a oportunidade de traballar nun campo de traballo máis ca interesante”, subliñoulles o reitor ao comezo do acto.