DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En Monforte de Lemos entre o 2 e o 4 de maio

Científicos e agricultores reúnense nun foro de debate sobre o papel da agroecoloxía como motor do desenvolvemento do rural

Organizado pola Universidade, conta coa participación de investigadores e docentes

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 30/04/2008

Cun rural cada vez máis abandonado e despoboado, a agricultura ecolóxica semella que pode ser unha importante opción no presente e, sobre todo, no futuro para sacar adiante e revivir tanto social como economicamente estas zonas de Galicia. Para afondar nos desafíos e oportunidades deste tipo de explotacións, estes días celébrase en Monforte de Lemos a segunda edición do Congreso de Agroecoloxía e Agricultura Ecolóxica en Galiza. Organizado pola Universidade de Vigo e baixo o lema Construíndo un rural agroecolóxico, esta iniciativa pretende abrir un espazo de debate e información que permita a posta en común dos principais retos e oportunidades ao que se enfronta a agricultura ecolóxica galega.
Segundo subliña Xavier Simón, presidente do comité organizador e profesor do Departamento de Economía Aplicada, “estamos moi satisfeitos coa resposta da xente no que se refire á participación e contamos xa con 110 inscritos, aínda que a matrícula está aberta ata o venres 2 de maio, día no que comeza o congreso”.
O congreso parte da base de que a agricultura ecolóxica, no actual contexto marcado polo Programa de Desenvolvemento Rural 2007-2013, está chamada a ser o motor da transformación do mundo rural. Así, esta actividade pretende converterse nun referente galego na investigación teórica e aplicade na agricultura ecolóxica realizada tanto en centros de investigación e axencias gubernamentais e non gubernamentais como en universidades e no seo do tecido asociativo. Ademais, este congreso pretende darlle voz á outra parte implicada neste desenvolvemento de base ecolóxica, como son os agricultores, gandeiros ou selvicultores que se optan polo desenvolvemento destas estratexias socialmente activadoras, ambientalmente correctas e economicamente rendibles.
Neste sentido, Xavier Simón explica a súa ledicia por poder contar entre os asistentes con representantes de todos estes colectivos e subliña que entre os inscritos “podemos atopar xente cun perfil científico, profesionais do sector tanto no eido da produción como da comercialización e tamén cidadáns e membros de movementos sociais e ecoloxistas que traballan neste tema, sendo o 60% dos matriculados son mulleres”.

A agricultura ecolóxica dende todos os ámbitos

O obxectivo co se celebra este congreso, que se estenderá ata o vindeiro 4 de maio, é avanzar no nivel de coñecemento sobre o funcionamento dos agroecosistemas e a capacidade de resposta colectiva ante presións ou perturbacións que poñen en perigo o comportamentos dos sistemas produtivos que garantan a alimentación na actualidade.
Para isto, os relatorios e comunicacións abranguerán diversas áreas temáticas da man de catedráticos, investigadores, técnicos e os propios agricultores e gandeiros. Segundo subliña o presidente o comité organizador “trataremos temas que van dende cuestións de resolución de problemas de produción, ata técnicas de procesado de alimentos pasando por necesarias reflexións sobre os procesos de certificación, as diversas alternativas ecolóxicas para o noso rural e os problemas de abandono dos recursos”.
No que se refire ás políticas agrarias, a Xunta de Galicia vai presentar dentro das actividades do propio congreso o Plan de Desenvolvemento da Agricultura Ecolóxica Galega. Para Simón estas “son as liñas mestras para o futuro, por iso constitúe un documento de moita importancia para facer unha análise estratéxica do sector e determinar os obxectivo de traballo”.

Representación universitaria

Xunto con representantes de centros de investigación, colectivos ecoloxistas e universidades internacionais, o congreso conta cunha ampla representación da Universidade de Vigo. Daniel Vázquez e David Pérez, do Departamento de Economía Aplicada, afondarán nas alternativas ao sistema agroalimentario capitalista dende o consumo. M. Iftikhar Hussain, L. Gonzalez Rodriguez e o vicerreitor de Investigación, M. J. Reigosa, do Laboratorio de Ecofisioloxía Vexetal explicarán o potencial alelopático dunha acacia invasora. Pola súa banda, dende o grupo de Economía Ecolóxica e Agroecoloxía exporán as dinámicas de agricultura ecolóxica en Galicia, tanto dende a perspectiva do sector agrícola, como do gandeiro ou dende o punto de vista da superficie por tipo de cultivo ou as actividades industrias neste eido. O propio presidente do comité organizador Xavier Simón, xunto con Mª Dolores Domínguez impartirá un relatorio centrado no sector lácteo. Tamén por parte da Universidade, o catedrático Adolfo Cordero intervirá para afondar no “papel do monte como base para o desenvolvemento sustentable ofrecendo diversas propostas de silvicultura ecolóxica”, segundo explica Simón.

Toda a información sobre o II Congreso de Agroecoloxía e Agricultura Ecolóxica en Galiza poden consultarse na web, onde tamén hai información sobre as actividades culturais paralelas.