DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O achado é froito das catro campañas Maurit desenvolvidas entre 2007 e 2010

Científicos da Universidade e do IEO descobren unha nova especie de cangrexo ermitán no noiro continental de Mauritania

A súa descrición foi publicada na revista 'Zootaxa', xunto coa doutros 12 crustáceos xa coñecidos

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
DUVI 30/03/2015

Investigadores da Facultade de Ciencias do Mar e do Instituto Español de Oceanografía (IEO) veñen de publicar un completo traballo sobre os cangrexos ermitáns de augas profundas de Mauritania, no que se describe unha especie descoñecida ata agora para a ciencia. Este artigo asinado pola investigadora Susana S. de Matos-Pita e o profesor Fran Ramil, do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal, foi publicado na revista Zootaxa e inscríbese no marco do Proxecto EcoAfrik. A nova especie recibiu o nome de Paguristes candelae e os investigadores agardan que esta non sexa a última noticia sobre o descubrimento de novas especies en augas de Mauritania, xa que está pendente a publicación doutros dous traballos máis, tamén sobre a biodiversidade dos crustáceos.

Doce especies coñecidas e unha nova

Os inexplorados fondos do noiro de Mauritania están constituíndo unha fonte de especies novas para a ciencia. Ramil explica que estudaron todos os cangrexos ermitáns que recolleron ao longo das catro campañas oceanográficas Maurit que se desenvolveron en Mauritania dende o 2007 ata 2010. “O estudo de todo ese material permitiunos identificar 13 especies diferentes, e unha delas, a Paguristes candelae, resultou ser nova para a ciencia e describímola neste traballo, xunto coas outras 12 que xa eran coñecidas”.

Estas especies pertencen ás familias Diogenidae, Paguridae e Parapaguridae e todas foron recollidas en 83 das 316 estacións de arrastre realizadas na plataforma profunda e noiro continental de Mauritania durante as citadas campañas. O artigo científico, de máis de 40 páxinas, comprende unha abundante e ben coidada iconografía realizada en gran parte mediante un estereomicroscopio e técnicas de tratamento de imaxe.


A nova especie recibiu o nome de Paguristes candelae, por Candela, a filla de Susana S. de Matos-Pita, a investigadora que describiu e depositou persoalmente o seu holotipo no Museo Nacional de Ciencias Naturais de Madrid. Tres exemplares, consistentes nun macho e dúas femias, foron recollidos en tres estacións diferentes ao longo do noiro continental de Mauritania, nun rango de profundidade comprendido entre 376 e 574 metros. Ademais da descrición da nova especie, na publicación os investigadores tamén propoñen o cambio de xénero de dúas especies, descríbese por primeira vez a femia de Paguristes marocanus, esténdese a área de distribución xeográfica de dúas especies e o rango batimétrico de tres, e cítanse por primeira vez en augas de Mauritania outras tres especies.

900 especies de cangrexo ermitán en todo o mundo

Os cangrexos ermitáns son ben coñecidos e deben o seu nome ao hábito de empregar como vivenda o interior das cunchas valeiras de diversos caracois mariños, ás que normalmente se asocian as diferentes especies. A característica máis destacada destes cangrexos, como explica Ramil, é que teñen o abdome brando e máis ou menos en espiral, de aí que vivan dentro de cunchas valeiras de gasterópodos (caracois) para protexerse. “Isto ten o inconveniente de que cando medran deben de cambiar de “casa” e buscar unha máis grande”, explica o investigador. Tamén hai especies que viven asociadas a esponxas e a antozoos (actinias e zoantarios) e nestes casos non teñen que cambiar de aloxamento, porque a casa vai medrando con eles.

Os científicos Milne-Edwards e Bouvier foron os primeiros que describiron a fauna de cangrexos ermitáns do oeste africano nos seus traballos, publicados durante a última década do século XIX. Na actualidade coñécense unhas 900 especies diferentes de cangrexo ermitán en todo o mundo e, de feito, algunhas das que se describen na recente publicación de Zootaxa xa foron citadas na lista dos decápodos de Mauritania de Monod en 1933, pero este é o primeiro traballo que se centra exclusivamente na fauna de cangrexos ermitáns da rexión, e sen dúbida, o conxunto de exemplares recollidos ao longo das campañas Maurit constitúen a colección máis completa destes decápodos obtida nunca nesta zona. Con todo, Fran Ramil destaca que as augas de Mauritania poden acoller outras especies de cangrexo ermitán, ademais das 13 citadas no estudo e lembra que, de feito, neste proxecto non estudaron as espécies costeiras "porque traballamos dende 80 a 2000 m de profundidade".