DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Deputación presentou este martes o primeiro estudo do Observatorio Económico Ourensán

A cifra de desempregados na provincia medrou case un 45% desde 2008

O profesor José María Chamorro foi o encargado de debullar os datos

Etiquetas
  • Ourense
DUVI 04/12/2012
A Deputación Provincial de Ourense presentou este martes o primeiro estudo do Observatorio Económico Ourensán, unha ferramenta de análise económica, laboral, empresarial e social da situación da provincia. Comarca a comarca e indicador a indicar, durante a súa presentación o profesor José María Chamorro, da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense, puxo en cifras a realidade económica dunha zona especialmente afectada pola crise económica actual.

O Observatorio, que forma parte do Plan Ourense 92, naceu da implicación entre institucións, como son a Deputación e Inorde, a Universidade de Vigo e empresas e na elaboración do seu primeiro informe participou un equipo multidisciplinar de profesionais e universitarios especializados. O acto de presentación do informe 2012 contou, alén de coa intervención de José María Chamorro, coa participación de Manuel Baltar, presidente da Deputación Provincial, e de José Manuel Freire, presidente de Inorde, ademais da asistencia de alcaldes e outros representantes institucionais e sociais da provincia. Segundo subliñou Manuel Baltar, a creación do Observatorio Económico Ourensán pretende definir estratexias “para reimpulsar a economía provincial” coa idea de que o coñecemento “constitúe o mellor xeito de achegar solucións para os problemas individuais dos cidadáns e para as dificultades colectivas da sociedade”.

Paro e actividade empresarial

As conclusións do primeiro estudo sinalan, segundo explicou Chamorro, que os principais núcleos de poboación da provincia de Ourense presentan menos efectos derivados da crise que as zonas rurais. Neles diminúe a menor ritmo ou mesmo sube o censo de empresas, ao tempo que as afiliacións á Seguridade Social e o paro rexistrado ofrecen taxas de variación menos alarmantes que no rural.

O Observatorio tamén detectou que a segunda recesión da crise está a penalizar máis o emprego nesta provincia que no conxunto de Galicia. Aínda así, a economía ourensá, destacaron, asina a menor perda provincial de afiliados e a menor subida do paro. Nos últimos catro anos, a provincia perdeu o 6,9% das afiliacións, cando a redución media en Galicia acadou o 8,25%. No caso do paro rexistrado, a cifra de desempregados medrou o 43,8% entre 2008 e 2012, fronte a unha media galega do 59% e a unha media estatal do 71,5%. Limitando o período de estudo a un ano, de outubro de 2011 a outubro de 2012, o número de municipios que amosan descensos no paro rexistrado elévase a once. Entre as estatísticas negativas o informe salienta o significativo aumento do paro interanual en dous concellos que destacan pola elevada concentración industrial, como son San Cibrao das Viñas e Pereiro de Aguiar, en ambos casos con aumentos cercanos ao 18%. O documento tamén indica que o paro dos sectores tecnolóxicos medra a máis velocidade en Ourense que en Galicia. Deste xeito, no último ano, a tasa de variación provincial no subgrupo da alta tecnoloxía acadou o 22%, cando a media galega se situou no 6,4%.

A supervivencia empresarial, segundo sinala o Observatorio, está a ser unha constante na provincia de Ourense ao longo da pronunciada crise económica. O censo de unidades locais, termo que agrupa empresas e partes das mesmas, como fábricas, talleres, almacéns, oficinas e explotacións mineiras, apenas mudou desde o ano 2007. No conxunto da provincia rexístrase unha mínima redución, ao pasar das 23.985 unidades locais existentes en 2007 ás 23.773 que o IGE contabilizou en 2011 (último dato dispoñible). Sen embargo, só Ourense sufriu perda de empresas e centros de traballo. No mesmo período, as outras tres provincias galegas incrementaron lixeiramente os seus respectivos censos, con aumentos comprendidos entre o 0,1% e o 0,6%.