DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Acadou sete delegados fronte aos 4 de CCOO e os 2 de UGT

A CIG consegue a maioría absoluta nas eleccións do PAS laboral

A negociación do convenio colectivo, unha prioridade “nos tempos nada doados que veñen”

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 02/12/2011
A CIG foi o claro vencedor nas eleccións celebradas o pasado venres nas que o Persoal Laboral de Administración e Servizos (PAS) da Universidade de Vigo tiña que decidir os representantes sindicais que configuren o novo Comité de Empresa de Pontevedra. Con case o 50% dos votos, a lista encabezada por Lois Carlos Mollinedo acadou a maioría absoluta con 7 delegados, gobernando de novo un órgano que “liderou durante moitos anos, salvo cun parón nos últimos catro anos que serviu para demostrar de novo á xente que pode confiar en nos”, valorou Mollinedo. Un incremento “espectacular” no número de votos e de representantes que deixa á CIG con 4 membros no colexio de Técnicos e Administrativos e 3 no de Especialistas e Non cualificados.

Pola súa banda, CCOO, que viña liderando o Comité de Empresa nos últimos catro anos, reduciu sensiblemente a súa representación pasando dos seis delegados aos catro, tres de eles no colexio de Técnicos e Administrativos e un no de Especialistas e Non Cualificados. UGT foi a que menos membros terá neste órgano, xa que manterá aos dous membros cos que contaba no primeiro dos colexios. Nesta ocasión desaparece de forma definitiva a representación do CSI-CSIF.

Convenio colectivo e Comité Intercentros, entre os retos

Cun 80% de participación, a CIG duplicou o número de delegados no Comité de Empresa, “unha alegría pero tamén unha responsabilidade porque teremos que pelexar duro para acadar cousas”, subliñou Mollinedo. Entre os retos aos que se enfronta, a negociación do novo convenio colectivo con condicións beneficiosas para o persoal, a nova Relación de Postos de Traballo, un concurso de traslados que permita a estabilización e conciliación de vida familiar e laboral, a formación de carácter permanente e específica ou a Oferta Pública de Emprego para rematar co emprego precario. “Creo que a xente valorou a implicación política da CIG tendo en conta os tempos nada doados que veñen”, recalcou o cabeza de lista.

Tras a constitución do Comité de Empresa, calculan que en xaneiro xa poderán estar sentados na mesa falando do novo convenio, aínda que quedan “moitas medidas por establecer”. Unha das iniciativas que queren levar a CIG quere levar a cabo nesta nova etapa é valorar a creación dun Comité Intercentros que aglutine os comités de Ourense e Pontevedra para traballar polos intereses dos traballadores dos tres campus da Universidade de Vigo.