DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O centro celebrará as súas xornadas de portas abertas os días 17 e 18 de novembro

O CIM ofrecerá paseos divulgativos pola ría e unha feira científica para achegar a ciencia mariña á cidadanía

Tamén haberá unha visita guiada á Estación de Ciencias Mariñas de Toralla

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • HRS4R
  • Visitas
DUVI 30/10/2023

O persoal investigador do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM) volverá á rúa para achegar a investigación mariña que se desenvolve nos seus laboratorios a toda a cidadanía. E farao dun xeito lúdico e apto para todas as idades os vindeiros 17 e 18 de novembro a través das súas Xornadas de Portas Abertas, unha actuación cofinanciada pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, para compartir o proceso de xeración de coñecemento na investigación á sociedade. O programa comprende tanto unha feira científica no centro comercial A Laxe o día 17 como paseos divulgativos pola ría e visitas guiadas ás instalacións da Ecimat, o día 18 de novembro. Con este tipo de iniciativas trátase de dar a coñecer a ciencia mariña e o traballo do persoal investigador do CIM, ademais de xerar vocacións científicas nas nenas e nenos que participan coas súas familias nestas xornadas.

Feira científica en A Laxe

O venres 17 de novembro, en horario de 17.00 a 20.30 horas, o centro comercial A Laxe acollerá unha serie de obradoiros de diferentes temáticas de investigación mariña baixo o título Coñece o CIM na rúa: fósiles mariños, nanopartículas, identificación de animais mariños por métodos xenéticos, pesca e cambio climático, etc. As actividades serán de libre acceso para un público familiar e non é preciso inscribirse. Simultaneamente, en colaboración coa Autoridade Portuaria de Vigo (APV), persoal do CIM ofrecerá as persoas interesadas visitas guiadas á instalación permanente e visor subacuático Nautilus que a APV ten xunto ao centro comercial. As visitas serán de 16.00 a 18.00 horas e requirirán inscrición previa na web cienciasingular.gal a partir desta tarde.

Paseos pola ría e visita á Ecimat

As xornadas de portas abertas do CIM continuarán o sábado 18 de novembro con Embárcate co CIM: un paseo divulgativo pola ría, no que as persoas participantes, previa inscrición, poderán subirse a un barco-aula para navegar entre o peirao da Laxe e a illa de Toralla. Durante o traxecto desenvolveranse unha serie de actividades de observación, obtención de mostras de sedimento e organismos mariños e explicacións por parte de diversas persoas investigadoras do CIM. Xa na illa levarase a cabo unha visita guiada á Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, principal infraestrutura científica do Centro de Investigación Mariña. Alí coñecerán os laboratorios de investigación, as salas de cultivos auxiliares, as instalacións de mesocosmos e a sala de bombas. Haberá dúas quendas: a primeira das 09.00 as 12.00 h e a segunda das 12.00h ás 15.15 h Todas as persoas interesadas deberán inscribirse na web cienciasingular.gal a partir desta tarde.