DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O prazo límite de envío de candidaturas é o 18 de xaneiro

O CIM reta as súas investigadoras a participar na II edición do concurso de vídeos Marie Tharp

O certame está dotado cun premio de 1000 euros para cada unha das categorías

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • HRS4R
  • Igualdade
  • Premios
  • Investigación
DUVI 07/12/2023

Comisión de Igualdade e Sostibilidade do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, CIM, convoca por segundo ano consecutivo o concurso Marie Tharp, dirixido a mulleres investigadoras vinculadas ao centro. O certame consta de dúas categorías: predoutoral e posdoutoral junior, e está dotado cun premio de 1000 euros por cada unha delas para adquisición de material informático ou para a asistencia a congresos.

A iniciativa recibe o nome da cartógrafa oceanográfica e xeóloga mariña Marie Tharp, coautora do primeiro mapamundi do relevo submarino. A súa cartografía da dorsal Mesoatlántica e doutros trazos fisiográficos submarinos singulares contribuíron significativamente á demostración da teoría da tectónica de placas e a deriva continental.

As investigadoras interesadas deberán gravar un vídeo dunha duración máxima dun minuto contando brevemente e de forma sinxela en que traballan e cal é o motivo, os obxectivos, o plan de traballo, os  resultados ou impacto da súa investigación. O vídeo deberá ser enviado cun enlace para a súa descarga antes do 18 de xaneiro de 2024 a cim@uvigo.gal.

A presidenta da Comisión de Igualdade e Sostibilidade do CIM, Ana Bernabeu, destaca a “importancia de seguir apostando por este tipo de iniciativas, de aí que se convocase esta segunda edición do concurso”. Ademais, anima ás mozas investigadoras a manter o entusiasmo, incidindo en que “o 50% do talento investigador feminino pérdese durante a carreira científica. As mulleres estamos moi presentes nas primeiras etapas como son os graos, doutoramentos e mestrados, pero logo imos desaparecendo de xeito gradual ata chegar a ser só o 25% dos catedráticos”. Por iso, insiste en que “a nosa misión é impulsar e animar ás investigadoras mozas para que sigan adiante coa súa carreira e consoliden a súa posición para que o concepto de gráfico de tesoira desapareza”.

Gañadoras da primeira edición

A primeira edición do concurso convocouse no ano 2022 e a entrega dos premios formou parte das conmemoracións do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia deste ano. Concretamente, na anterior edición na categoría posdoutoral junior a gañadora foi Sara Gamboa Jurado-Centurión; na categoría predoutoral, María Alborja Valado; e houbo unha mención especial para Iria García Moreiras.
A peza audiovisual de María Alborja Valado explicaba o seu traballo no ámbito da optimización da alimentación das especies criadas en acuicultura para mellorar o benestar animal e, por tanto, o rendemento destas explotacións proveendo ao consumidor dun produto seguro, sano e sostible. Por outro lado, Sara Gamboa Jurado-Centurión presentou un vídeo onde mostraba a relación entre os procesos macroevolutivos e a súa relación cos cambios climáticos e a peza de Iria García Moreiras afondaba na distribución de microalgas en ecosistemas costeiros, o que ten gran relevancia para os ecosistemas mariños e para o clima global.