DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os 18 traballadores do Laboratorio Oficial de Reformas de Vehículos traballan xa en Porto do Molle

CIMALab estrea instalacións convertido na referencia do noroeste peninsular en homologación de vehículos

Desde o Ministerio de Industria destacan a “aposta de futuro que supón o proxecto”

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 29/11/2012
Unha nave bioclimática de 1200 metros cadrados útiles, libre de columnas e con altura suficiente para poder levar a cabo ensaios con vehículos de grandes dimensións deseñados e construídos para o transporte de mercadorías. O Laboratorio Oficial de Reformas de Vehículos, CIMALab, estreou este xoves as súas novas instalacións no Parque Empresarial Terciario, en Porto do Molle, Nigrán, “unha nova localización que nos permite mirar con ilusión cara o futuro”, subliñou na inauguración Jose Antonio Vilán, director xeral do laboratorio e vicerreitor de Transferencia da Investigación, que estivo acompañado no acto polo subdirector xeral de Calidade e Seguridade Industrial do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, Antonio Muñoz; o director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, Ricardo Capilla; o alcalde do Concello de Nigrán, Alberto Valverde e representantes do Consorcio Zona Franca de Vigo e de PSA Peugeot-Citroën.

“Son unhas instalacións que están feitas pensando no futuro”, subliñou tras o descubrimento da placa o representante do Ministerio, que se amosou “moi sorprendido” coas instalacións e todo o equipamento dispoñible nun laboratorio “que se vai converter no centro tecnolóxico de referencia para todo o sector”e que vai a permitir que a “industria deste sector vaia tamén medrando e florecendo”, subliñou.

Homologación e legalización de todo tipo de vehículos

Por designación do Goberno, a través do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, CIMALab é unha das poucas instalacións que existe en España con potestade para emitir informes de idoneidade técnica de reformas de vehículos e realización de ensaios de vehículos, compoñentes e accesorios.

Nas novas instalacións de Porto do Molle o equipo de CIMALab realizará todo tipo de reformas en turismos, furgóns, todoterreos, vehículos industriais, motos, quads, UTVs –vehículos utilitarios recreacionais- e vehículos agrícolas. Desde a transformación dun furgón en vehículo vivenda ata adaptacións para o transporte de persoas con mobilidade reducida; desde a instalación de todo tipo de carrozados en camións ata a instalación de grúas e/ou plataformas elevadoras; desde o forrado de interiores para o isotermizado do vehículo ata instalacións de estantes e mobiliario para vehículos taller ou oficina.

“Tras obter as acreditacións que nos permiten desenvolver as nosas actividades de emisión de informes de reforma e realización de ensaios seguimos esforzándonos para ampliar o noso alcance e poder ofertar asesoramento técnico, conformidades da produción e incluso deseño de pezas e/ou compoñentes en colaboración co grupo de investigación CIMA”, subliña Vilán, ao tempo que fixo fincapé en que as novas instalacións dispoñen de equipos de alta xeración.

Investigadores pegados á industria

CIMALab naceu en 2006 dentro do seo do Centro de Enxeñaría Mecánica e Automoción, CIMA, da Universidade de Vigo, un grupo de investigación, liderado polo profesor José Antonio Vilán, posto en marcha en xuño de 2001 con clara vocación de servir á industria e. “A idea era ofrecer ás empresas da nosa contorna os coñecementos e capacidades que se acumulan na Universidade e que en moitos casos non chegan a plasmarse en beneficios para o sector produtivo”, subliña Vilán, ao tempo que explica que na actualidade forman parte deste grupo 30 investigadores: sete doutores enxeñeiros industriais, dous doutores en física nuclear e 21 tecnólogos, dos que tres están en proceso de realización da súa tese de doutoramento.

Ao abeiro de CIMA e coa colaboración de distintos fabricantes de ámbito nacional, púxose en marcha “hai xa máis de seis anos” o laboratorio CIMALab que hoxe estrea instalacións e no que desenvolven o seu labor 18 profesionais. “Con esta nova localización temos a oportunidade de facer fronte ás novas esixencias da regulamentación europea e nacional relativa aos servizos técnicos en materia de seguridade e a protección do medio ambiente”, subliña o director do laboratorio, ao tempo que fai fincapé nas rigorosas auditorías ás que se somete este tipo de actividades.

Encontro profesional

Previo ao acto de inauguración tiveron lugar as I Xornadas Técnicas para Fabricantes de 2ª Fase –antes carroceiros- nas que, entre outros temas, se trataron a homologación de tipo europeo no sector de autobuses e autocares, a presentación do Plan Director de Freos e a homologación multifase de vehículos industriais.