DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cun orzamento de 2,3 millóns de euros, proverá información de calquera punto do planeta a baixo cust

Cinae e Aistech suman forzas para desenvolver unha rede de nanosatélites de observación, comunicación e control

A misión real con lanzamento está prevista para o ano 2019

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría e D. Besadío DUVI 18/05/2017

A finais do ano 2016 a Unidade Mixta de Investigación, presentada polo Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia, Cinae, e a empresa Aistech Space S.L. denominada A fábrica do futuro aplicada ao desenvolvemento dunha constelación de satélites de observación, comunicacións e control marítimo e aéreo recibía da Axencia Galega de Innovación, GAIN, unha axuda de preto de 700.000 euros. Con anterioridade á concesión da axuda, a unidade mixta, que hoxe foi presentada nun acto celebrado nas instalacións do Cinae, constituíase coa finalidade de coordinar a cooperación entre o centro de innovación e a empresa para o deseño, fabricación, lanzamento e operación dunha rede de 25 nanosatélites co obxectivo de obter datos de posicionamento de buques e avións, xunto con fotografías térmicas da superficie terrestre e recompilar datos de redes de sensores distribuídas polo planeta. “Cinae e Aistech crearán un deseño de plataforma común para todos os satélites da constelación, que se pode fabricar con elevados estándares de calidade e de xeito eficiente, para o que se aplicarán técnicas da industria 4.0, que permitan crear una liña de ensamblaxe automatizada, ao tempo que se mellorará a fiabilidade dos procesos de deseño e de fabricación dos nanosatélites”, explicou Fernando Aguado, director técnico e investigador principal de Cinae para este proxecto de tres anos de duración. O docente e investigador da Universidade de Vigo, foi, xunto ao reitor da institución, Salustiano Mato; o representante de Aistech Guillermo Valenzuela; a delegada do Estado na Zona Franca de Vigo, Teresa Pedrosa e a directora de Gain, Patricia Argerey, o encargado de presentar os detalles dun proxecto, que se insire “dentro do ámbito más difícil e de máis futuro como é o do espazo”, dixo Mato.

O custo total do proxecto ascende a 2,3 millóns de euros, dos que Aistech Space sufraga a diferenza entre esta cantidade e o financiamento outorgado polo GAIN cos fondos Feder. Con esta iniciativa, que prevé despregar a constelación de satélites antes do ano 2022, Aistech pretende proporcionar datos e información exacta e de calidade e a baixo custo, de calquera punto do planeta cun tempo de refresco medio de 10 minutos, a compañías, organizacións ou gobernos, co obxectivo de ampliar o seu coñecemento sobre áreas de interese ou mellorar a toma de decisións. “Aquí no Centro de Innovación Aeroespacial instalaremos a fábrica 4.0 de integración de satélites, dos que o primeiro (precursor), que neste intre se está a integrar na sala limpa da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo, estará en órbita en 2018, mentres que misión real con lanzamento está prevista para 2019”, explicou Valenzuela, que incidiu no traballo de “democratización do espazo” que realiza Aistech desde o ano 2013.

O 65% dos satélites españois en 2020 serán galegos

Sectores como o pesqueiro, o agrícola e o agroforestal poden ser algúns dos máis beneficiados polo despregue da constelación, que proverá servizos como o seguimento de agricultura de precisión, verteduras no mar ou control de incendios, combinando medidas ambientais cun novo concepto de imaxes. Mentres Aistech se centra nas tarefas de integración das cargas útiles, Cinae actúa como socio tecnolóxico de nivel de misión e de plataforma, achegando a experiencia dos seus investigadores para crear a constelación de nanosatélites. Na presentación da unidade mixta, Aguado lembrou o traballo desenvolvido na Universidade de Vigo e en Cinae que a día de hoxe suman o 42% dos satélites desenvolvidos e lanzados en España, ao tempo que avanzou que “no período 2019-2020 se lanzarán desde Galicia catro satélites adicionais co que Cinae terá deseñado e lanzado o 65% dos satélites fabricados en España ata esa data. É un feito tremendamente significativo”, explicou o investigador, que afirmou en ton que broma que “sumados os 200 satélites que imos facer con Aistech xa será o 98%... Podemos dicir que desde a Universidade de Vigo, desde Galicia, Cinae, somos pioneiros”.

Os cubesats de 6U que se están a deseñar neste proxecto teñen unhas dimensións de 30x10x10 centímetros e un peso duns 10 quilogramos, podendo realizar entre 14 e 15 órbitas ao día, o que implica unha cobertura total.

Un futuro ligado ao coñecemento

Tras agradecer a confianza de Aistech en Cinae, o reitor da Universidade de Vigo, puxo o acento na súa intervención en que “o futuro está ligado ao coñecemento, polo que cómpre cambiar o chip do ladrillo, porque a competitividade vén da man do coñecemento”. Un aspecto no que tamén incidiu a delegada do Estado na Zona Franca, Teresa Pedrosa, que lembrou a aposta do organismo que preside polo sector aeroespacial a avanzou que xa está en proceso de licitación a construción dunha sala limpa en Cinae, onde tamén se instalará un laboratorio tecnolóxico. “Desde Galicia para o mundo temos que poñer en valor o coñecemento” asegurou Pedrosa que tamén avogou por reter o talento.

Pola súa banda, a directora da Axencia Galega de Innovación recordou que Cinae é a única unidade mixta centrada no sector aeroespacial co obxectivo de “situar a Galicia na vangarda do sector e transformar a economía de Galicia en economía do coñecemento”. Argerey, que cifrou en 84 millóns de euros a mobilización de capital das 24 unidades mixtas que existen neste intre, destacou os beneficios que para o sector primario galego implica un proxecto como o que están a desenvolver Cinae e Aistech, así como “o aproveitamento do coñecemento e a transferencia aos sectores produtivos galegos” que implica.