DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Grazas ao convenio asinado coa Deputación de Pontevedra, que destina 170.000 euros a este proxecto

O Cinae desenvolverá unha tecnoloxía de detección con drones de especies invasoras e prevención de lumes forestais

O ente provincial colabora tamén nun programa de visibilización de mulleres directivas na industria

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI 20/06/2017

Desenvolver unha tecnoloxía que permita traducir as imaxes captadas por vehículos aéreos non tripulados en información coa que traballar na detección e no seguimento da evolución de especies vexetais invasoras, así como na detección de posibles factores de risco de lumes forestais. Este é o propósito central do proxecto que desenvolverán os investigadores e investigadoras do Cinae (Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia), grazas ao convenio asinado nesta xornada coa Deputación de Pontevedra. Cunha duración de dous anos, o acordo contempla o investimento de 170.000 euros nun proxecto centrado no desenvolvemento dun sistema de procesado da información obtida por drones, satélites ou sensores para poder intervir nos sectores medioambiental, agroforestal e mariño.

O reitor da Universidade de Vigo e presidente do padroado do Cinae, Salustiano Mato, e a presidenta da institución provincial, Carmela Silva, rubricaron nesta xornada este acordo, nun acto que contou tamén coa participación do director xeral do Cinae, Antonio Castro; o director técnico da Fundación Cinae, o profesor Fernando Aguado, e o responsable da súa Área de Sistemas non Tripulados, o investigador da Universidade Higinio González. “Cinae está desenvolvendo xa un traballo importante en temas espaciais e de avións non tripulados e este convenio vai permitir desenvolver unha serie de aplicacións que permitan ter unha capacidade de información e detección sobre o territorio que permita anticipar problemáticas importantes, como por exemplo os incendios”, salientou Mato dunha metodoloxía que permitiría, por exemplo, “comezar a facer un inventario” das zonas boscosas con maior grao de combustibilidade e así “poder actuar dunha forma máis efectiva”.

Silva, pola súa banda, salientou que este proxecto permitirá, mediante o uso de vehículos aéreos non tripulados, “controlar as zonas de incendios para, cuns detectores infravermellos, detectar novos focos de lume e, ademais, delimitar os perímetros dos incendios con datos básicos para os servizos de extinción”. De aí que a presidenta do ente provincial amosase a súa “grande satisfacción” por poder asinar convenios “que teñen o punto de mira no beneficio da nosa cidadanía”, máxime nun eido como a “prevención dos nefastos efectos” dos lumes forestais.

Un proxecto piloto para automatizar os procesos de información

Segundo explica González, trátase dun “proxecto piloto” que, a través dos vehículos aéreos non tripulados, realizará unha serie de campañas “sobre unhas zonas da xeografía de Pontevedra, seleccionadas de acordo cos técnicos da Deputación”. Nelas realizarase o traballo de campo dun proxecto que ten como eixo a xeorreferenciación e procesado das imaxes obtidas polos drones, co propósito de que dea como resultado “unha información que o usuario poida entender”, como por exemplo, “o número de hectáreas afectadas por unha determinada planta e como este vai mudando ao longo do tempo”.

O obxectivo final, engade, e desenvolver “metodoloxías de traballo aplicables a outras áreas do territorio durante períodos de tempo máis grandes”, a través da automatización dese procesado da información recollida nas imaxes, aproveitando, por exemplo, a alta resolución espacial da información que pode obterse a través dos sistemas aéreos non tripulados.

Nese senso, o convenio asinado nesta xornada abrangue tanto o desenvolvemento destas tecnoloxías de procesado de datos, como poñer a disposición dos técnicos da Deputación das imaxes obtidas, así como colaborar en accións mitigadoras dos efectos dos lumes forestais, ao igual que o desenvolvemento de actividades divulgativas destas tecnoloxías.

Tres bolsas para dar visibilidade á muller directiva na industria da pesca

Por outra banda, presidenta e reitor asinaron tamén este martes un segundo convenio polo que a Deputación achega 4.500 euros a un programa deducativo de visibilización das mulleres que se atopan en postos de decisión na industria pesqueira, subliñando o compromiso desta actividade coa sustentabilidade. Trátase, como explicou Mato, dunha iniciativa da Escola de Estudos Empresariais do campus de Vigo, dirixida a “romper barreiras para que as mulleres poidan amosar as súas capacidades directivas”. Concretamente, o propósito deste convenio é subvencionar tres bolsas para que tres profesionais menores de 30 anos, estudantes ou egresadas recentes do mestrado de Comercio Internacional e seleccionadas a través dunha convocatoria pública, poidan participar nunha visita á industria pesqueira islandesa, a feira mundial Icelandic Fishieres Exhibition e ao congreso centrado no crecemento da de bioeconomía azul que se celebra en setembro en Reikiavik.