DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Recoñece o traballo de persoas e institucións que impulsan a ciencia e inspiran co seu discurso

O CINBIO entrega a súa distinción Gold Talk 2023 a Lluís Torner, fundador do ICFO de Barcelona

A súa investigación pioneira en fotónica é recoñecida mundialmente

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Premios
  • Institucional
DUVI 20/10/2023

O Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo celebrou este xoves un evento moi especial, a entrega da primeira edición da distinción CINBIO Gold Talk, que busca recoñecer o traballo de persoas e institucións que impulsan a ciencia e inspiran co seu traballo diario e co seu discurso. A cita foi no Pazo da Oliva e a persoa que tivo a honra de recibir esta distinción foi Lluís Torner, director do Instituto de Ciencias Fotónicas, ICFO, de Barcelona.

O obxectivo deste galardón, como explica o director do CINBIO, Miguel Correa, é recoñecer a traxectoria de científicos e científicas, destacando o papel fundamental da ciencia no avance da sociedade e o coñecemento humano. Queremos axudar a promover a persoas e institucións que contribúen ao impulso e desenvolvemento da ciencia, a través do exercicio da investigación ou outras facetas relacionadas que favorecen e fomentan o progreso da I+D, como é a xestión, dirección, transferencia ou difusión de ciencia; sobre todo nos ámbitos de actuación do centro como son a biomedicina e os nanomateriais. Ademais, este evento pretende crear unha plataforma para o recoñecemento público e tamén actuar como unha fonte de inspiración para talentos emerxentes, alentándoos a forxar as súas carreiras na investigación e na innovación.

Lluís Torner, o primeiro Gold Talk

O primeiro Gold Talk que outorga o CINBIO é para Lluís Torner, fundador do Instituto de Ciencias Fotónicas (ICFO), entidade de referencia mundial no seu campo. Torner dirixiu este centro dende a súa creación en 2007 pero o pasado mes de setembro anunciou que deixará o cargo, no que segue mentres non se concreta a persoa que o sucederá. Ademais desta responsabilidade, Torner é asesor de numerosas entidades públicas e privadas de varios países en temáticas de prospectiva científica e tecnolóxica e foi membro do High-Level Group do European Quantum Flagship e do Future and Emerging Technologies Advisory Board, ambos da Comisión Europea. No que atinxe ao recoñecementos, ten recibido diversas distincións, como o Premi Nacional de Recerca 2016, que otorga a Generalitat de Catalunya ou Premio de Liderado de ámbito global da Optical Society of América. 

No seu discurso no acto deste xoves, Torner amosou a súa filosofía de traballo como elemento inspirador que impulsa a ciencia día a día, compartindo as súa perspectiva sobre a relevancia da investigación para a sociedade e a maneira en que a inversión en ciencia básica pode impulsar avances significativos.