DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Situado no segundo andar do centro

O CINBIO estrea un Punto Violeta con información de interese relacionada coa igualdade

Conta tamén cunha pequena biblioteca con libros sobre feminismo e perspectiva de xénero

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Igualdade
  • Institucional
DUVI 27/09/2023

Dende hoxe mércores, o CINBIO, Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, conta cun novo espazo, un Punto Violeta no que o seu persoal pode atopar información, asesoramento, documentación e mesmo unha pequena biblioteca relacionada coa igualdade. A idea de crear esta sala naceu a raíz da consecución por parte do CINBIO do Distintivo de Igualdade da UVigo en 2022 e busca poñer a disposición das persoas que traballan no centro un lugar ao que acudir para atopar información práctica, desde ligazóns e fontes de información oficial de utilidade en caso de sufrir acoso, ata libros de temática feminista, dispoñibles tanto para consulta no propio espazo ou como para préstamo, previa reserva na web do centro. 

Segundo explica Miguel Correa, director do CINBIO, neste novo espazo, situado no segundo andar do centro, “terá cabida todo tipo de información relacionada co xénero, o feminismo e a inclusión” e seu propósito é o de “promover a sensibilización en valores igualitarios”.

Un espazo seguro para promover a igualdade

No acto de presentación do Punto Violeta participaron a directora da Unidade de Igualdade da UVigo, Águeda Gómez; o director do CINBIO, Miguel Correa e varios membros do Grupo de Traballo en RRI, Igualdade e Non Discriminación do centro. Correa agradeceu o apoio da Unidade de Igualdade e salientou que a obtención “do distintivo foi fundamental para que este espazo, que xa tiñamos en mente, sexa por fin unha realidade”. A directora da unidade, pola súa banda, felicitou o equipo do CINBIO por crear “un espazo analóxico e físico violeta, específico para pensar no xénero” que, nas súas palabras, “é moi interesante porque é unha forma de que as axudas do Distintivo de Igualdade teñan unha permanencia e unha estabilidade no tempo”. Gómez tamén expresou o seu desexo de que “esta boa práctica poida servir como exemplo para incentivar este tipo de espazos noutros centros e facultades da Universidade de Vigo” e lembrou o carácter pioneiro do CINBIO, que “foi o primeiro en demandar unha sala de lactación na UVigo” e desenvolveu outras accións destacadas coma unha diagnose da situación do persoal do centro con respecto á igualdade. Pola súa banda, Noa Caramés, do Grupo de Traballo en RRI, Igualdade e Non Discriminación, engadía que esta iniciativa pretende “potenciar a cultura da igualdade dentro do noso centro e promover o equilibrio de xénero”.