DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na exposición colectiva “Patio Interior”

Cinco alumnos de Belas Artes amosan as súas obras na Casa da Xuventude de Vigo

A mostra poderase visitar ata o vindeiro 15 de maio

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Ana Terceiro DUVI 21/04/2008

As obras dos alumnos da Facultade de Belas Artes cada día traspasan novas fronteiras e, nesta ocasión, foron ata a Casa da Xuventude de Vigo onde, ata o vindeiro 15 de maio, pódese visitar a exposición colectiva Patio Interior que presentan cinco estudantes do campus pontevedrés. Nesta ocasión, o proxecto consiste nunha instalación multidisciplinar que resultou ser o froito das dificultades propias do espazo coas que moitas veces se atopan os artistas e que, en verbas dunha das estudantes que participan nesta iniciativa, Haya Blanco, “ao final resultaron ser a mesma solución á hora de unificar as distintas propostas”. Xunto a ela, Carolina Caluori, María Castellanos Vicente, Olalla Cortizas Varela e David Crespo Varela son os outros catro estudantes do último curso de Belas Artes e novos artistas que lograron facer dunha sala parte da súa mostra. Segundo explicou outra das creadoras, “Patio Interior é unha instalación multidisciplinar na que a arquitectura propia do lugar invitounos a desenvolver un proxecto específico para o traballo in situ”, comentou María Castellanos antes da inauguración da exposición.
Todos aqueles que se acheguen a botar unha ollada a este novedoso proxecto, atoparánse con todo tipo de disciplinas artísticas mesturadas nun mesmo traballo, xa que pintura, escultura, gravado, debuxo e fotografía conviven con harmonía nesta obra.

O problema das salas

O inicial problema de espazo co que se atoparon os creadores da exposición Patio Interior, é algo moito máis común do que se pode imaxinar, xa que na maioría das ocasións, a adecuación ás salas forma parte do propio proxecto á hora de amosar as obras ante os ollos do público. De feito, este é o tema central da materia de cuarto curso de Belas Artes, Extensión e repercusión das linguaxes artísticas, que imparte a profesora Silvia García e que pretende “que os rapaces teñan un achegamento ao mundo profesional e que vexan os problemas técnicos dunha sala e como os poden solucionar”, comentou a docente do campus pontevedrés. En moitas ocasións o inconveniente vai máis alá e os artistas teñen que modificar os seus traballos en función do lugar onde os van a expor, xa que en función do que queiran transmitir necesitarán un tipo de localización diferente, cores determinadas, espazos concretos, etc.