DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os novos licenciados da Facultade de Historia pechan os actos de graduación do campus

Cinco anos de historia que rematan

Os alumnos do Máster de Dereito Urbanístico e do Medio Ambiente tamén celebraron a fin dos seus estu

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 24/06/2011
Xuño está sendo o mes dos actos de graduación. Unha a unha as promocións das diferentes titulacións que se imparten no campus de Ourense veñen celebrando durante as últimas semanas a fin dos seus estudos académicos e o inicio dunha nova etapa. Este venres, e como peche a todos eles, tocoulle a quenda aos egresados da Licenciatura de Historia, 13 novos profesionais deste eido que celebraron con compañeiros e familia o remate dos seus estudos. Non foron os únicos, os alumnos do Máster de Dereito Urbanístico e do Medio Ambiente tamén festexaron a súa graduación.

O acto de Historia tivo lugar no Edificio de Ferro e contou coa participación de María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Milagros Cavada, decana da Facultade de Historia; e os historiadores Carlos Sixirei e Isolina Rionegro, padriño e madriña de promoción respectivamente. A decana do centro quixo salientar que os alumnos que participaron non acto de graduación “son unha representación significativa da promoción que erades” e desexoulles todo o éxito na nova etapa que inician, pois “agora é cando empeza o traballo de verdade”.

Humanismo e futuro

Pola súa banda, a vicerreitora do campus destacou durante a súa intervención a importancia da educación e a reflexión humanista na sociedade actual e animou aos novos egresados a “transmitir o testemuño do necesario desenvolvemento do pensamento crítico”. María Lameiras tamén tivo unhas palabras especiais para os familiares presentes, “espectadores privilexiados pero tamén sufridores e alentadores destes cinco anos de traballo que hoxe culminan”.

Os padriños de promoción deron tamén unhas emocionadas palabras aos novos licenciados. Carlos Sixirei quixo transmitirlles a idea de que “vivimos tempos difíciles, de crise non só económica senón tamén de valores” e neste contexto “se non coñecemos o noso pasado dificilmente poderemos comprender o presente e prever o futuro. Non hai pobo que sen as súas raíces poida camiñar cara o futuro”, advertiulles aos egresados para que fosen conscientes do papel que lles toca representar na sociedade. Por este motivo, Isolina Rionegro animoulles a enfrontar “o comezo desta nova etapa, que vai ser diferente pero para a que estades ben preparados”.

Os novos licenciados foron recollendo un a un as súas bandas coa ilusión de celebrar o obxectivo cumprido. Como palabra para resumir os cinco anos de estudos, Xoel Díaz e Patricia Valle, en representación da promoción, salientaron que foi unha etapa “excelente”. Pero “isto é historia, que vos vaia bonito”, remataron por desexarlle aos seus compañeiros de fatigas.

Graduación en Dereito

Tamén celebraron este venres o seu acto de graduación os estudantes do Máster de Dereito Urbanístico e do Medio Ambiente. O acto tivo lugar na aula magna da Facultade de Dereito e contou coa participación de María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Rafael Fernández Acevedo, coordinador do máster; Miguel Ángel Michinel, decano da Facultade de Dereito; Francisco Rodríguez, vicepresidente do Consello Social da Universidade de Vigo, e Francisco Rodríguez, alcalde de Ourense.

Durante a súa intervención, Acevedo destacou que se trata da cuarta promoción dun mestrado con moita demanda polo seu carácter profesionalizante, pola calidade da formación que ofrece e porque os profesionais especializados en dereito urbanísticos e medio ambientes están moi demandados polo mercado. Tamén agradeceu ao Concello de Ourense e á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas o seu patrocinio e amosou o seu desexo de que estes estudos teñan continuidade nunha nova edición.

María Lameiras, Miguel Michinel e o vicepresidente do Consello Social da Universidade de Vigo quixeron pola súa banda felicitar aos alumnos, docentes e responsables do Máster de Dereito Urbanístico e do Medio Ambiente polo traballo realizado. Uns parabéns compartidos polo alcalde de Ourense, que destacou que este mestrado “sitúa a Ourense como referente en dereito urbanístico e de medio ambiente en Galicia”.