DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Aula Tecnolóxica da Casa das Campás acollerá estes obradoiros a partires do mes de outubro

Cinco cursos gratuítos para aprender a deseñar e programar webs empregando o software libre

A animación en 3D, as aplicacións didácticas interactivas e o retoque fotográfico centran a oferta

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Iolanda Fernández DUVI 27/09/2013

A Aula Tecnolóxica da Casa das Campás abrirá de novo este mes de outubro as súas portas para acoller cinco cursos gratuítos de 12 horas de duración nos que destaca o papel e a utilidade do software libre á hora de crear e deseñar páxinas web. Un ano máis, Alberto Ariza coordina estes obradoiros promovidos pola Vicerreitoría do campus, “ofrecéndolle á comunidade universitaria e ao público en xeral unha serie de ferramentas básicas que ben poden usar tanto na súa vida cotiá como nun eido máis profesional”. A primeira destas propostas é o curso de introdución ao SketchUp, un programa gratuíto para o deseño en 3D que será impartido a mediados de outubro por Roi Mallén, experto en animación.

O mes de novembro a Casa das Campás acollerá un curso introdutorio que dotará ao alumnado das ferramentas necesarias para a construción e o deseño de páxinas web en HTML. Lidia Nokonoko, licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo e responsable da páxina web do xornal El Faro de Vigo, empregará o programa gratuíto Kompaze para achegar aos participantes ao código fonte, unha aprendizaxe que se verá reforzada co segundo dos cursos que terá lugar neste mesmo mes e que iniciará ás persoas interesadas en participar nesta acción formativa na programación web en JavaScript. Nesta ocasión será o programador Diego Borrajo quen se encargue da docencia. O coordinador dos cursos, Alberto Ariza destaca a súa profesionalidade e a súa experiencia no eido da formación continúa ao tempo que salienta algún dos seus últimos éxitos da man da website do deseñador galego Florentino.

As novas tecnoloxías e o ensino

Entre outubro e novembro a ilustradora e profesora de secundaria Almudena Aparicio impartirá un curso que permitirá aos asistentes achegarse ás aplicacións didácticas interactivas a través de programas gratuítos como JClic ou Hot Potatoes cos “simplemente se pretende que un profesor saiba manexar estas ferramentas para presentarlle dun xeito moito máis atractivo, intuitivo e interactivo os contidos da súa materia”, explica Ariza.

O retoque fotográfico dixital centrará en decembro o último destes obradoiros no que a fotógrafa Andrea Costas compartirá co alumnado as nocións básicas desta técnica.

As aulas desenvolveranse sempre entre as 19.00 e as 21.00 horas na Aula Tecnolóxica da Casa das Campás. A matrícula realizarase exclusivamente a través da Plataforma Bubela.