DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Grupo de Termofísica organiza as xornadas 'A Química, unha ciencia básica'

Cinco destacados científicos para explicar a química máis sinxela

A iniciativa enmárcase dentro da celebración do Ano Internacional desta ciencia

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 09/05/2011
A Química é a gran protagonista este ano das actividades de divulgación científica, pois conmemórase o Ano Internacional da Química co gallo do centenario da concesión a Marie Curie do Premio Nobel neste ámbito. O Grupo de Termofísica do campus de Ourense únese a esta conmemoración coa organización das xornadas A Química, unha ciencia básica. Durante catro sesións, cinco científicos sénior de recoñecido prestixio estatal e internacional nas súas áreas de traballo, amosarán ao público xeral como a química é básica nas súas vidas. Para acadalo explicaranlles cuestións da ciencia máis cotiá, como por que os líquidos mollan ou como se conservan os produtos.

As xornadas desenvolveranse do 11 de maio ao 7 de xuño en diferentes sedes na cidade de Ourense de Novacaixagalicia, que colabora coa iniciativa xunto á Vicerreitoría do Campus de Ourense e ao Consello Social da Universidade de Vigo. María Lameiras, vicerreitora do campus, salientaba na presentación da iniciativa este luns que “para nós é un orgullo contar con este panel de investigadores, que sen lugar a dúbidas contribuirá a visibilizar presenza da química na nosa vida e a visibilizar tamén o papel da muller na ciencia”.

Luis Romaní, catedrático da Universidade de Vigo e responsable do Grupo de Termofísica, destacaba pola súa banda que “o obxectivo das xornadas é dar a coñecer ao gran público o papel que ten a investigación e a ciencia Química, facerlle chegar que non é algo que competa só aos especialistas senón que as súas aplicacións afectan a todos”. Para amosar esa proximidade, convidaron a participar na iniciativa a destacados especialistas, pero non para explicar conceptos moi técnicos ou abstractos da ciencia senón para explicar cuestións concretas e sinxelas.

Homenaxe a Marie Curie

Deste xeito, Manuel García Velarde, catedrático da Universidad Complutense de Madrid, Premio DuPont e doutor Honoris Causa polas universidades Aix-Marsella I e Saratov I, será o encargado de inaugurar as conferencias o día 11 de maio falando de algo tan básico como por que mollan os líquidos. Seguiralle o día 18 de maio Antonio Javier Borderías, profesor do Consejo Superior de Investigaciones Científicas de Madrid, que falará sobre de que forma se conservan os alimentos. Tamén profesor do Consejo Superior de Investigaciones Científicas de Madrid e presidente da Comisión de Química Física da Sociedade Europea de Física, Gerardo Delgado-Barrio pechará as sesións de maio falando sobre o Ano Internacional da Química 2011.

Como clausura das xornadas, o día 7 de xuño dúas das máis destacadas científicas galegas achegaranse ao campus de Ourense, ao Edificio Politécnico, para ofrecer sendas conferencias. María Tarsy Carballas, profesora do Consejo Superior de Investigaciones Científicas en Galicia e primeira muller da Académica de Farmacia de España, falará sobre a súa traxectoria como investigadora. Pola súa banda, María Inmaculada Paz Andrade, catedrática emérita Ad Honorem da Universidade de Santiago de Compostela, achegará aos asistentes á figura de Marie Curie. Ao remate, descubrirase unha placa de homenaxe a Marie Curie no salón de actos do edificio, salón cuxo nome pasará a ser tamén o desta científica.

“A Química é indispensable para entender o desenvolvemento da nosa sociedade, pois todo está relacionado coa ela: a alimentación, a roupa, a industria e un longo etcétera. E estas xornadas serán unha excelente ocasión para comprobalo e unha oportunidade para a transferencia de coñecemento”, explicaba o profesor José Peleteiro na presentación das xornadas. A cita, do 11 de maio ao 7 de xuño en Ourense e aberta á asistencia de todos os interesados.