DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dentro do concurso internacional do proxecto Campus Verde

Cinco estudos internacionais de arquitectura comezan a traballar nas súas propostas para rehabilitar o territorio do campus de Vigo

Coñeceron, na súa visita, a orografía, características e necesidades do terreo

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 05/02/2009

Configurar unha nova fisonomía do campus, liberar o territorio, facelo máis habitable e sempre dende unha perspectiva de sostenibilidade e de responsabilidade ambiental. Esta é a finalidade do proxecto Campus Verde no que, na súa actual fase de concurso, están a tomar parte cinco equipos de traballo que veñen de reunirse cos responsables da Universidade.
Estes cinco estudos de arquitectura participantes desenvolverán cadansúa proposta a partir da cal terá lugar a selección final do proxecto que máis se adapte aos obxectivos do concurso, decisión que se fará pública nos meses de verán. Nomad Aquitectos e Herreros Arquitectos, ambos de Madrid; Mecanoo Architecten b.v., da cidade holandesa de Delft; Agence Ter de GmbH, de Karlsruhe e Michele&Miquel Paysagistas y Arquitectos de Barcelona. Estes son os seleccionados que presentaron nesta primeira toma de contacto as súas iniciativas e dúbidas ao vicerreitor de Planificación, José Cidrás, aos arquitectos Xosé Rodríguez e Alfonso Penela e ao presidente do xurado, o suízo Luigi Snozzi. “Estamos aquí para que nos digades que nos fai falta”, subliñou o vicerreitor na benvida aos equipos, “porque queremos facer un campus máis habitable, máis agradable, máis sostible e máis verde. Non se trata de facer máis edificacións senón de reverdecer o terreo e que non sexa tan agreste”, destacou entre os obxectivos de Campus Verde.
Antes de comprobar sobre o terreo as necesidades do campus vigués, os representantes dos estudos de arquitectura puideron coñecer da man de Rodríguez e Penela as características do proxecto de Campus Verde, que deberá configurar a nova fisonomía do campus, ocuparse do espazo residual, da parte do territorio que a ninguén interesou ata agora. “Esta ocupación deberá responder tanto a criterios paisaxísticos e ambientais, así como de incorporación de enerxías renovables ás infraestruturas do campus”, explicaron os representantes da Universidade.

Liñas de actuación prioritarias

Tanto Xosé Rodríguez e Alfonso Penela como José Cidrás referíronse a determinados campos de actuación que requiren unha especial atención dentro do plan de actuación. “A circulación e o aparcamento son un dos principais problemas deste campus debido, en boa parte, ao predominio dos medios de transporte privados”, salientou Cidrás. Outro dos problemas sen solucionar son as unións entre zonas, que viven de costas unhas a outras aínda que tamén destacaron o factor climático pola incidencia da chuvia e incluso a neve durante boa parte do ano e a orografía do terreo. “Este campus é o resultado dunha suma de acertos e erros que deixa un sabor agridoce e representa un problema complicado pero atractivo que require unha análise crítica”, explicou Alfonso Penela.
Os responsables das Universidade subliñaron dúas liñas de actuación prioritarias que se deberían centrar na zona deportiva por unha banda e no ámbito das enxeñaría por outra. Trátase de buscar unha resolución estratéxica e global do campus, unha simplificación que permita o avance da natureza, “que é o fin de do proxecto de Vías Elevadas de Mendes da Rocha”, explicou Xosé Rodríguez, “mellorar a calidade de vida e darlle globalidade ao campus”. Neste sentido, subliñou que as actuacións futuras a nivel de edificacións estruturanse de acordo do proxecto de Mendes.
Pola súa banda, Alfonso Penela, que fixo un percorrido histórico dende o xérmolo do Colexio Universitario de Vigo, quixo destacar o carácter valente da Universidade “que xa demostrou que ten valor, xa que conseguir que traballasen aquí arquitectos como Enric Miralles e Mendes da Rocha, algo que non foi sinxelo”. “Non queremos propoñervos nada, pero agardamos que sexades arriscados e ambiciosos”, apuntou.
Sobre o proxecto de Vías Elevadas incidiu tamén o presidente do xurado, o arquitecto suízo Luigi Snozzi, que subliñou que “a mellor idea para construír un campus verde é a da Mendes de Rocha” e partir dela deben organizarse o resto de actuacións. No que se refire ao concurso de Campus Verde, apuntou que, dende o seu punto de vista, o proxecto debería ser desenvolto por xente “con sensibilidade, tanto formal como estética, sen buscar facer arquitectura, interesándose máis polo espazo entre os edificios que polos propios edificios; así, a natureza pode de novo ocupar o seu lugar”.

A colaboración do Banco Santander e a Fundación Marcelino Botín

O concurso de arquitectura Campus Verde está promovido conxuntamente pola Universidade e mailo Banco Santander e a Fundación Marcelino Botín. Alfredo Albaizar, director de Santander-Universidades en España, definiu esta iniciativa como un proxecto moi ambicioso que vai máis aló do compromiso da Universidade coa docencia, a investigación, a innovación e a cultura, “trátase de responder a unha preocupación ambiental, de devolverlle á contorna o que ela nos achega fomentando a sostenibilidade”. Segundo subliñou o representante do Santander, “dende o banco colaboramos con outras universidades en proxectos deste tipo pero este é moi especial, é único porque incorpora o compromiso co medio ambiente nas súas preocupacións de xeito global e ambicioso”. Ademais engadiu que o feito de facer un concurso a nivel internacional “é tratar de resolver o problema do xeito máis brillante”.
A principios do verán, unha vez os cinco estudos presenten as súas propostas da segunda fase, será resolto o concurso que permitirá a rehabilitación do territorio do campus de Vigo.