DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Sete emprendedores e emprendedoras participaron na edición virtual do Pont-Up Exprés

Cinco minutos para proxectar unha idea empresarial

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • TIC
  • Universidade e empresa
  • Transferencia
DUVI Pontevedra 20/11/2020

Aínda que a situación sanitaria obrigou a adiar a vindeira primavera as súas actividades presenciais, a covid-19 non está a impedir que o Pont-Up Store, o encontro do emprendemento promovido polo Campus Crea, coa Concellería de Promoción Económica e Turismo como patrocinador principal, continúe a despregar o seu programa de actividades. Tralos diferentes coloquios e seminarios que, de xeito virtual, tiveron lugar en setembro, nas datas inicialmente fixadas para a sétima edición do evento, na noite deste xoves tivo lugar unha nova edición do Pont-Up Exprés, unha iniciativa na que sete emprendedores dispuñan de cinco minutos para presentar os seus proxectos a un xurado integrado por catro representantes de importantes e entidades galegas. Debido a situación sanitaria, este encontro dirixido a facilitar o diálogo entre as persoas emprendedoras e responsables de iniciativas xa consolidadas desenvolveuse de xeito virtual, a través da canle de Youtube do Pont-Up Store. Na súa apertura, contou coas intervencións do director do Campus Crea e Green Campus, Carlos Souto; da concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco; e do director deste evento, o profesor Pedro Figueroa.

Para este talent bussiness, o comité organizador seleccionou sete startups galegas, The Good Shop, unha tenda online de produtos xerados de forma ética; Anainas Skin Peace, unha iniciativa centrada na cosmética orgánica; Vivegreens, que se dedica ao cultivo e venda de microbrotes; Ertha Sufrboards, de artigos sostibles para surf; Smartwood, unha ferramenta para a mellora da produtividade das explotacións agrícolas; a empresa de repostería Versos de A Ruda e a asociación de artistas O Galpón Lab. De analizar os seus modelos de negocio e achegarlles unha serie de recomendacións encargouse un xurado integrado por Margarita Hermo, directora da Asociación Galega de Empresa Familiar e responsable de relacións institucionais de Jealsa; Emilio Bruquetas, director xeral de Reganosa Holdco; Ángel González, presidente executivo de Setga, e Virginia Pozo, fundadora, CEO e directora creativa de Coosy.