DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Chega á 31 Bienal a terceira quenda de intervencións do alumnado e o profesorado de Belas Artes e Es

Cinco proxectos artísticos para visibilizar as xerarquías socioculturais

Recollen as distincións sociais que se reflicten en temas cotiás como o fútbol ou a industrial téxti

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Esmeralda L. Castro DUVI 06/07/2010

Dende a apertura da 31 Bienal de Arte de Pontevedra unha das salas máis vivas é a dedicada ao alumnado e profesorado de Belas Artes e Esdemga. En torno á proclama “Todos somos negros” da independencia de Haití, propuxeron un espazo cambiante de creación colectiva para reflexionar sobre as singularidades socioculturais dos países de Centroamérica e o Caribe, recuperar a historia silenciada e realizar unha chamada de atención sobre novas manifestacións xenófobas. Veñen de aterrar na sala cinco novos proxectos, que se unen á obra pictórica do artista Fruela Alonso, en proceso desde o comezo da Bienal, e que amosan unha crítica cara ás categorías, divisións e xerarquías establecidas. Temas cotiás como o fútbol, a industria téxtil ou o propio mecanismo da Bienal sérvenlle a estes creadores e creadoras para obrigar ao espectador a deterse nas distincións socioculturais latentes que apenas percibimos.

Negros por la otra puerta

O colectivo artístico The green family, formado por Hugo Adatz e Lucía García, no seu traballo Negros por la otra puerta téndenlle unha trampa ao espectador con prexuízos raciais ou, mesmo, ao que actúa conforme a automatismos inculcados. A peza Todos somos iguais de Sabela Barreiro reúne, sen ningún tipo de organización xerárquica, os retratos da xente que fai posible a Bienal, desde os comisarios e os artistas ata o persoal de limpeza ou os vixiantes. Pola súa parte, Sabrina Fernández Casas, Santiago Besteiro García e Ana María Cidre Perry crean na súa vídeo-instalación un xogo óptico como fondo de unha serie de accións cheas de referencias á revolución haitiana.

Colaboración do espectador

Luis Mariano Ortega e Silvia García buscan coas súas respectivas instalacións a participación e colaboración do espectador. Na primeira proposta o público é convidado a xogar ao fútbol nun traballo que reflexiona sobre como as diferenzas xeopolíticas tamén se reflicten neste deporte. Na segunda, titulada Queda comida?, recréase un espazo para o encontro e o intercambio, un pic-nic como os que adoitan celebrar algúns inmigrantes nos espazos públicos.

Pecha a sala o traballo obxectual e textual de Leticia Gómez Aguado, que reflexiona sobre a dialéctica entre identidade cultural e globalización, así como sobre a división do traballo na industria téxtil e a conseguinte explotación das traballadoras nos países do sur.

Once propostas máis ata o 12 de setembro

Ata o remate da Bienal en setembro pasarán por este espazo expositivo outras once propostas de estudantes e docentes de Belas Artes e Esdemga. O seguinte cambio na sala terá lugar o vindeiro 16 de xullo, cando a profesora Ana Soler inaugurará a súa peza El aire que no vemos. Esta convivirá quince días co proxecto colectivo da escola de moda Ganas de volar y otros artefactos.