DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Aprobadas por Xerencia, son documentos informativos das unidades de xestión da Universidade

Cinco unidades administrativas da Universidade xa contan con cartas de servizo

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 10/02/2010

Os servizos de Contabilidade, Orzamentos e Tesourería ; de Xestión Económica e Contratación; de Persoal Docente e Investigador; de Persoal de Administración e Servizos e de Retribucións e Seguros Sociais, xa dispoñen de cadansúa carta de servizo, un documento a través do que as unidades de xestión da Universidade informan aos seus usuarios e usuarias e a calquera persoa interesada, sobre os servizos que prestan, así como os dereitos que lles asisten e os compromisos de calidade na súa prestación. "Trátase dun compromiso dos servizos da institución cos usuarios e usuarias, coa finalidade de que coñezan o traballo que desenvolven e as súa condicións", sinala Ana Fernández Pulpeiro, xerente da Universidade de Vigo que incide na importancia das cartas de servizo como un instrumento para transmitir información aos usuarios, pero tamén para que "o servizo manteña o rigor no cumprimento das súas funcións".
O Programa de cartas de servizos alcanzará aos trece servizos e oficinas centrais e ás sete administrácións de centro/ámbito/campus e é segundo Ana Fernández Pulpeiro "un primeiro paso no ámbito da calidade que nos permtirá continúar avanzando con outros deseños ata acadar un sistema máis integrado de calidade".

Todas as cartas nun prazo de dous anos

Desenvolvidas por grupos de traballo formados por persoal dos propios servizos previamente formado, as cartas foron posteriormente validadas polo Comité Técnico de Calidade de Xestión.Trala aprobación das cartas de servizo das unidades administrativas, tres grupos traballan na actualidade na elaboración das dos servizos de Control Interno, Informáticos e Extensión Universitaria, estando previsto que nun prazo de dous anos todas as unidades administrativas da Universidade dispoñan desta ferramenta para xestionar a súa calidade. Sen embargo as cartas de servizo non son unha novidade na Universidade de Vigo onde a Biblioteca e o Servizo de Deportes xa dispuñan destes documentos.
O desenvolvemento das cartas de servizos para todas as unidades administrativas e de apoio á xestión é un dos obxectivos do Plan Operativo de Xestión 2008-2012, inserido no Plan Avante de Calidade no ámbito da xestión, plan que hai uns meses recibiu nas III Jornadas de Excelencia en la Gestión Universitaria celebradas en Chiclana de la Frontera o recoñecemento á mellor exposición.