DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cinco visións diferentes para a quinta edición dos Xoves de Moda

Un xornalista, unha arquitecta, un creativo, un director de cine e un estilista intervirán nas xorna

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Esmeralda L. Castro DUVI 06/04/2010
A vindeira semana arrinca a quinta edición dos Xoves de Moda, organizados por Esdemga coa colaboración da Vicerreitoría do Campus de Pontevedra. A escola de moda propón novamente neste ciclo de formación complementaria unha selección de profesionais coa vontade de achegarlle ao alumnado as distintas versións e realidades do sector do deseño téxtil e a moda. É unha fiestra aberta á realidade do seu sector a través de encontros con recoñecidos deseñadores, expertos en comunicación, produción, estilismo e mesmo arquitectos, que expoñerán a súa experiencia ofrecéndolle a toda a comunidade universitaria e aos amantes do mundo da moda e do deseño un lugar de coñecemento e debate.
Os Xoves de Moda consolidados como unha das citas ineludibles para todos os interesados neste sector terán lugar na Casa das Campás os xoves 15 e 22 do mes de abril e o 6, 13 e 27 de maio a partir das 19 horas.

A visión dun xornalista especializado en moda e dunha arquitecta

O primeiro en expoñer a súa visión será o xornalista especializado en moda Abraham de Amézaga. Especialista en temas relacionados co luxo, a moda e a arte de vivir, colaborou con revistas como Elle, Woman, Magazine ou Gala. É autor de textos incluídos nos libros Balenciaga, de París a San Sebastián e Carta de amor a Cristóbal Balenciaga, editados con motivo das exposicións realizadas sobre o creador en San Sebastián e Valencia. De Amézaga traballa como correspondente para Europa das edicións latinoamericana e mexicana de Vogue e escribre para El Mundo, Yo Dona e Glamour, entre outras publicacións españolas.
Unha perspectiva diferente do sector é a que achegará a arquitecta Guadalume Piñeira, socia do estudo Irisari+Piñeira desde 1989 e profesora de Proxectos Arquitectónicos da Escola de Arquitectura da Coruña e do Máster Ciudad y Sostenibilidad da Universidade de Sevilla. A súa obra foi recoñecida con premios internacionais, como o European Galvanizing Awards, e nacionais, como o FAD, o SICE á Sostibilidade, Innovación e Calidade en 2008 e o Juana de Vega.

Como ve o sector un creativo, un director de cine e un estilista

Abrirá os encontros do mes de maio Gaspar Sobrino, director creativo e de imaxe, que traballa para marcas como Blue Inc, Pepe Jeans, Pull&Bear, Armand Basi, By Basi ou Lacoste. Froito da súa propia experiencia profesional, abordará aspectos relacionados coa produción e a execución de proxectos para potenciar a imaxe de marca, abranguendo desde o deseño do interior dunha tenda e o seu mobiliario, ata o deseño de escaparates de campaña ou o deseño creativo e artístico de catálogos.
A seguinte quenda será para Oskar Tejedor, director e guionista de cinema e documental, cuxo traballo máis recente, Balenciaga, permanecer en lo efímero, recolle a vida e a obra do considerado o modisto da alta costura español máis importante da historia.
Pechará o ciclo Óscar de la Visitación, estilista e director de arte, formado na escola Saint Martins de Londres, que ten traballado para Nina Ricci, Moschino, Zara ou Marie Claire. Así mesmo, foi colaborador de fotógrafos como Manuel Outumuro, Daniel Riera ou Tony Bernat. Actualmente é estilista e director de arte para a revista Woman e as deseñadoras Rosa Clará e Lidia Delgado, así como para as firmas Tous, Vasari ou Pura López.